Nun mes a madrileña Martinsa consumará a opa sobre Fadesa. A oferta desta empresa valorou a inmobiliaria galega en 4.045 millóns de euros, dos que máis da metade irán ao antigo dono, Manuel Jove, pola súa porcentaxe na compañía. A venda xa está feita e só falta que decidan a ubicación da sede social, ademais dalgúns outros trámites. Martinsa tira para alá e mentres que Fadesa o fai para aquí. Á preocupación do antigo dono súmase o Goberno, que admite ter contactado coa empresa para evitar que sexa trasladada.
Ademais das escasas informacións que trascenderon sobre a operación na que unha empresa galega máis pasa a ser xestionada por capital foráneo, queda pendente saber cal será ubicación da sede social do novo conglomerado do ladrillo. Á intención de manter a sede social da empresa en Galiza, sumouse o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen asegurou hoxe que a Xunta está "mantendo contactos" para que Fadesa quede e concretou que "sería desexable que continuase cos seus programas de inversións en Galiza", así como incrementando o emprego nesta Autonomía, dixo.
A operación, que se coñeceu o pasado mércores, iniciouse onte; se ben, quedan aínda flecos por cortar para que o tecido que formará a nova inmobiliaria estea formado. O que máis preocupa ao empresario galego, seica é o futuro dos 1.400 traballadores directos, dos 5.000 indirectos e dos cadros directivos, de trasladarse a sede da empresa cara onde o grupo Martinsa. O impulsor da operación, Fernando Martín, posúe unha carteira de solo case cinco veces menor que a da empresa galega, co que o resultado da operación e o pouco tempo coa que se está a desenvolver a venda, sorprenden.
O mesmo lles pasou aos políticos, agás ao alcalde da Coruña, Javier Losada, que se mostra satisfeito coa compra de Fadesa. As reaccións iniciais de ver a Galiza como atractiva para as empresas de fóra que amosou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, traducíronse por incertidume e certo rexeitamento pola venda da promotora galega. Pola súa banda, o vicepresidente Anxo Quintana falou tamén da perda que suporá para o país esta venda e lamentou que grupos estatais mingüen a posibilidade de conformar un grupo galego forte.
As accións da compañía galega pasarán a valer 35,7 euros e forman parte da oferta que o novo dono de Fadesa, Fernando Martín, lanzou sobre Fadesa. Así, a inmobiliaria galega pasará a ser parte do grupo Martinsa, liderado polo importante construtor madrileño da órbita de Florentino Pérez, quen propuxo a Martín para o cargo de presidente do Real Madrid cando el o deixou, en febreiro deste ano, e no que a penas durou tres meses.
Polo momento, e que se saiba, entre os empregados de Fadesa non houbo manifestacións nin reaccións contrarias e seguen traballando "con normalidade" logo de que llelo pedira o antigo dono, Manuel Jove, e á espectativa de que se coñezan máis datos sobre o procedemento.