Cando os membros do consello asesor, elixidos pola Fundación da Cidade da Cultura como representantes dos distintos eidos do tecido cultural galego, foron convocados por primeira vez en maio para coñecer o estado da obra e debater sobre os usos e funcións dos dous edificios paralizados pola Xunta, o primeiro "consello" que deron moitos deles foi tirala e non seguir adiante. A Consellaría aproveitou a ocasión para explicarlles as razóns da decisión tomada polo Goberno de seguir coas obras máis avanzadas e paralizar as que aínda non estaban executadas, dado que aínda se estaba a tempo de redefinir os usos e contidos. Algo que non quería facer sen consultar cun sector consciente de que o complexo do monte Gaiás vai condicionar todo o gasto público e a planificación da política cultural de agora en diante. Catro meses despois e logo de varios encontros que reuniron a 400 persoas de todos os ámbitos da cultura, o proceso consultivo remata esta fin de semana nun foro do que se extraerán as conclusións do sector.
Neste foro o consello asesor levará un borrador coas propostas e ideas extraídas durante estes meses das distintas mesas sectoriais, que foron recollidas pola empresa Cidadanía -encargada da organización e metodoloxía do proceso- para amosarllas ao conxunto da xente que participou nelas e afinar o debate coa fin de presentar as conclusións ante a socieade e o propio goberno. O consello é consciente de que non vai achegar ningunha idea concreta sobre usos ou contidos dos espazos en cuestión, Casa Mundo e Escenario Obradoiro, pero si deixará patente o seu diagnóstico sobre as necesidades do tecido cultural galego e as oportunidades que o novo complexo, xa imparábel, pode ofrecer. No borrador parece máis claro o que non se debe facer que o que se debe facer, asumindo que a definición dos novos edificios ten que ser cousa dun equipo de técnicos e expertos en grandes superficies culturais destas características.
Con todo, no borrador barállanse as ideas e conceptos de contido e filosofía da Cidade da Cultura que se espuxeron nas diversas reunións, e que van dende a función de factoría cultural até ofrecer un parque temático da diversidade baseado, dende a cultura galega, en todas as culturas e linguas minorizadas do mundo. A conexión co camiño de Santiago é outro eixo que se debe potenciar á hora de crear a marca que distinga o complexo de Gaiás doutros similares do mundo, aproveitando o interese turístico internacional de Compostela, e, falando de marca, o consello recomenda que se defina canto antes e mesmo formula que se lle cambie o nome, deixando sempre este e outros labores en mans de expertos.
Tamén se pide que se faga canto antes un estudo de mercado analizando o tipo de público que acudiría á Cidade da Cultura, pois sen isto é imposíbel definir contidos e córrese o risco de que se fagan pensando máis nas necesidades dos axentes culturais que nas do público, que é o que finalmente manterá e lle dará sentido á obra.
Durante toda a xornada do venres as 400 persoas que participaron nalgunha fase do proceso debaterán estas conclusións finais para presentalas o sábado pola mañá e dar por rematada esta etapa consultiva. A partir de agora será a Consellaría quen, tomando nota do informe do sector e dos que anteriormente se lle encargaron ao Museo do Pobo Galego e ao Consello da Cultura, inicie unha fase de decisión técnica e política coa que afrontar a construción destes dous últimos edificios, que deben estar rematados para inaugurar o complexo no ano 2013.
Representantes de todos os ámbitos culturais
Cando falamos do consello asesor non estamos a falar dun comité de sabios ou de expertos, senón de xente que foi seleccionada por exerceren a representación das asociacións, empresas e institucións que compoñen o entramado cultural galego.
Así, o consello está composto polo xerente da Fundación Cidade da Cultura, Francisco Carracedo; a xefa de Gabinete da Consellería de Cultura, Fina Casal; e o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Manuel Olveira. Tamén forman parte del Antón Reixa (Clúster do Audiovisual); Cándido Pazó (Asociación de Actores); Celso Parada (Asociación de Compañías de Teatro Profesional); Manuel Gómez (Academia Audiovisual); Vítor Belho Cortizo (Nordesía Producións); Anna Luisa Rodríguez (Asociación de Artistas Plásticos); Inés Ramiro (Asociación de Galerías de Arte); Anxo Santomil (Federación de Cineclubes) e Baltasar Patiño (Asociación de Teatros Alternativos). Outros integrantes son Uxía Pedreira (Asociación do Conservatorio de Música Tradicional); Oriol Roch (Real Filharmonía de Galicia), Patrick Alfaya McShane (Orquestra Sinfónica de Galicia); Ramón Reboiras (FNAC); María Begoña Cuña (Asociación de Profesionais da Danza); e Olga Cameselle (Asociación de Profesionais da Danza Escénica); Francisco Garrido (Observatorio de Cibersociedade); Francisco Fernández Rei (catedrático de Filoloxía Románica da USC); Xosé Barro (Revisión); Manuel Bragado (Edicións Xerais); Manuel Gago (CulturaGalega.org); Manuel Sendón (Centro de Estudos Fotográficos de Vigo); Xosé Manuel Veiga (Colexio Profesional de Xornalistas); Cristina Caruncho (Aula Castelao); Dolores Dopico (Facultade de Belas Artes) e María Yáñez (Vieiros).
Algúns destes nomes tamén estiveron presentes nas mesas temáticas e encontros sectoriais que organizou Cidadanía para achegarse máis polo miúdo a cada sector.
Paralelamente tamén se mantivo aberto un proceso participativo a través da rede, no que calquera persoa podía achegar ideas para o debate sobre a Cidade da Cultura, se ben a cuestión non espertou moito interese e nos foros vense poucas opinións. A maioría delas falan de tirar co edificio ou facer pisos, pouco conscientes de que xa non hai volta atrás.
Touriño: "quen queira meter piqueta non o vai lograr"
E así o deixou claro o presidente da Xunta este xoves cando lle preguntaron pola Cidade da Cultura: ninguén vai conseguir que "enterre" o proxecto, que xa lles custou miles de millóns aos galegos, e reafirmou a intención do conxunto do Goberno de transformar o que era un "mausoleo do anterior presidente" en "algo útil".
Touriño asegurou que malia que hai quen quere "meter piqueta" ninguén vai lograr deter a obra, e que fronte aos que manteñen que o bipartito non tomou decisións, o Goberno suspendeu tres grandes contedores, garantiu a transparencia e deseñou un plan de usos para "rendibilizar ese investimento público de cuantiosos recursos".
Non máis caro que outros edificios culturais europeos
A construción do complexo deseñado por Peter Einsemann custará 373 millóns de euros, un alto custe para os recursos do país e que absorberá unha quinta parte do orzamento da Consellaría de Cultura. O gabinete de Ánxela Bugallo espera completar o financiamento con achegas do Estado e da Unión europea, ademais de participación privada, cun modelo aínda por definir. Este presuposto supera en moito o Guggenheim de Bilbao, que custou 138 millóns, pero non chega á mitade do que custa a Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia, deseñada por Santiago Calatrava.
Outros proxectos sigficativos recentes en Europa manexan tamén cifras de centos de millóns, como a construción do Parlamento de Escocia con sede en Edimburgo, un edificio do arquitecto Enric Miralles que custa 649 millóns, ou a ampliación e remodelación do Estadio Olímpico de Berlín, un orzamento de 242 millóns.