Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANUEL JOVE VÉNDELLE AS ACCIÓNS AO EX PRESIDENTE DO REAL MADRID A 35,7 EUROS

Fadesa pasa a mans madrileñas tras unha OPA da construtora Martinsa

Manuel Jove, presidente de Fadesa, chegou a un acordo co empresario Fernando Martín para venderlle a súa participación na construtora coruñesa a 35,7 euros cada acción, o que sitúa o valor da empresa en 4.045 millóns de euros. Xa onte as accións de Fadesa subiran máis dun dez por cento até os 29,55, entre fortes rumores de OPA. O acordo entre Jove e Martín garante o éxito da operación, por máis que as accións da construtora están subindo até un 20% na bolsa, superando tamén os 35 euros, unha vez que a CNMV ergueu a suspensión da cotización tras o anuncio feito por Jove. O goberno galego manifestou o seu total respecto por este movemento do libre mercado, e se ben Touriño dixo non ter medo pola economía galega, Quintana lamentou a noticia ao debilitarse as aspiracións de ter un entramado empresarial galego forte.

- 16:39 28/09/2006
Tags:

O novo dono de Fadesa, que pasará a ser parte do grupo Martinsa, é un importante construtor madrileño da órbita de Florentino Pérez, quen propuxo a Martín para o cargo de presidente do Real Madrid cando el o deixou, en febreiro deste ano, e no que a penas durou tres meses.

Reaccións do Goberno
Preguntado na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta pola súa opinión ante os movementos recentes das empresas galegas, e en concreto pola OPA sobre Fadesa, Emilio Pérez Touriño dixo confiar na "boa saúde" da economía galega, aludindo á "lóxica do mercado", aínda que sen meterse a xulgar a venda da construtora galega ao capital madrileño até coñecer a explicación que dean os propios afectados. En cambio preferiu referirse ao crecemento da produción industrial, da taxa de emprego e da "posición competitiva" de Galiza.

No que se refere á posíbel fusión das eléctricas, o presidente da Xunta falou dun mercado europeo qu eferve e que se está "reconfigurando". Adiantou que haberá aínda máis movementos e situou a Galiza como "un dos escenarios" da economía globalizada, convidando a "afacernos a pensar neses termos".

Pola súa banda o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana cualificou a Opa de "mala noticia", e aínda que deixou claro o seu "absoluto respecto" pola liberdade do mercado, manifestou que a venda de Fadesa vai contra os obxectivos do executivo autonómico de construír un entramado empresarial propio con forza e peso a nivel mundial.

A única solución, dixo Quintana, para que Galiza teña un maior peso nos distintos movementos do sector enerxético é que exista "máis nacionalismo".

Para o alcalde da Coruña, cidade na que está a sede de Fadesa e o núcleo da súa actividade promotora, esta operación "mostra que una compañía da cidade é atractiva pola súa implantación en todo o mundo". Xavier Losada dixo sentirse orgulloso de que A Coruña estea "dando exemplo de empresarios e de actividade empresarial".

Anteriores:


0/5 (0 votos)