Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MATERIAL CEDIDO POLA SÚA PRIMEIRA MULLER, AURORA BERNÁRDEZ, DE ORIXE GALEGO

O legado de Julio Cortázar chega este outono a Santiago, A Coruña e Vigo

Santiago, A Coruña e Vigo acolleran entre outubro e novembro as actividades do programa ‘Outono Cortázar’, un programa ideado pola Xunta a partir do legado fotográfico e fílmico de Julio Cortázar. O material foi cedido pola súa primeira muller, Aurora Bernárdez, quen é de orixe galego. A iniciativa presentará unha exposición, un ciclo de cine e unhas xornadas co fin de que os galegos poidan "explorar o universo Cortázar" a través das súas fotografías, textos e imaxes.

- 09:10 27/09/2006
Tags:

Baixo a denominación ‘Outono Cortázar. Julio Cortázar/Aurora Bernárdez, un (Re)Encontro con Galiza’a Xunta reúne a exposición "Ler imaxes: o arquivo fotográfico de Xulio Cortázar’, comisionada por Rocío Santa Cruz; o ciclo de cine ‘Modelo para armar: Julio Cortázar e o cine’ coordinado por Xosé Manuel Sande; e as xornadas ‘Encontros arredor de Julio Cortázar: a viaxe definitiva’, coordinada pola comisaria da mostra e apoiada pola Fundación Caixa Galicia.

O xoves será Aurora Bernárdez, herdeira universal de Cortázar quen acompañe o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a outras autoridades, na inauguración no Pazo de Fonseca da exposición sobre o arquivo fotográfico do escritor. Bernárdez tamén participará xunto co editor Francisco Porrúa e outros persoeiros na presentación o venres do libro ‘Julio Cortázar/Aurora Bernárdez, un (Re)Encontro con Galicia’

O Pazo de Fonseca acollera a exposición na que se exporá de xeito cronolóxico unha selección das máis de 4.000 fotografías e obxectos que pertenceron a Cortázar, entre elas, as da viaxe que realizou no verán de 1957 a Galiza.

Debate e ciclo de cine
Entre outubro e novembro, un grupo escollido de persoeiros vinculados ao universo cortazariano reflexionarán e debaterán sobre a figura do autor. Deste xeito, intelectuais como o peruano Julio Ortega, o arxentino canadense Alberte Manguel, Manuel Rivas ou Isabel Coixet, exporán as súas opinións sobre a narrativa, a obra poética, a relación con Galicia e a relación entre cine e literatura de Cortázar.

Pola súa parte, o ciclo de cine incluirá, ademais de documentais sobre o autor, películas como Week End de Jean-Luc Godard, Blow Up de Michelangelo Antonioni, ou La vida secreta de las palabras, de Isabel Coixet.


0/5 (0 votos)