Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DENDE DONOSTI -4

A eternidade e un día

A falta de tan só dous outonos para convertirse en centenario, Manoel de Oliveira mantén o seu incríbel ritmo de facer un filme por ano. A homenaxe a Luis Buñuel e Jean Claude-Carriere que supón a pequena "Belle toujours" foi un agradecido sopro de liberdade co cal sacudirse as frustracións da Sección Oficial. Cuarta crónica de Martin Pawley dende o Festival de Cine de San Sebastián.

- 07:26 27/09/2006
Tags:

Dígollo xa agora ao principio: en xeral, non me gusta o cine de Manoel de Oliveira. O que si me gusta, é cada vez máis, é el mesmo, pola súa independencia venerábel e patriarcal. O portugués, malia ter nacido en 1908, é realmente un home do século XIX, ou talvez de antes; conservador, moi conservador, e cunha concepción do mundo antiga, estremadamente antiga. Un home capaz de explicar en rolda de prensa os cambios morais ao longo do tempo co exemplo de que cando el era novo as mulleres debían chegar virxes ao matrimonio e agora xa non é preciso. Di iso e queda todo cheo. É fillo dun país e dunha época, así que dificilmente podería ser algo distinto, e ademais coa súa idade e traxectoria xa está en condicións de facer e dicir canto lle pete. E faino, certo que si. Belle toujours, a súa continuación do famoso filme, imaxina o reencontro trinta e oito anos despois dos personaxes orixinalmente encarnados por Michel Piccoli, que aparece tamén nesta, e de Catherine Deneuve, que agora toma a figura de Bulle Ogier e reempraza o gusto sadomaso doutrora pola insólita vontade de ingresar nun convento. A película, de só setenta minutos, cobra verdadeiro pulso no seu treito final, despois dunha primeira metade na que disfrutamos dunhas conversas entre Piccoli e Ricardo Trepa, o neto do director, nun bar do máis rancio no que soen estar dúas prostitutas inimaxinábeis. O verdadeiramente bo son as escenas entre Piccoli e Ogier, en especial unha cea refinadísima durante a cal non falan nada –momento este moi divertido- e o que vén despois, cun Manoel de Oliveira que recupera o recurso buñueliano da caixa misteriosa -na que se escoita un zumbido cada vez que se abre- e planifica a secuencia co seu característico gusto ritual e estático e un magnífico uso da iluminación.

O vello xardín, de Im-Sang Soo, é unha película de estética coidada pero tamén bastante cursi, con copos de neve que caen e cousas semellantes. A historia xira arredor dun home que pasou dezasete anos no cárcere despois de ser detido e condenado por estar vencellado a grupos de oposición á ditadura na súa xuventude. O filme conta de maneira bastante confusa os feitos do presente e os do pasado, que inclúen unha relación amorosa cunha mestra froito da cal naceu unha filla que acabará por coñecer. "O vello xardín" responde ao prototipo de cine asiático domesticado e empalagoso que participa habitualmente no Festival de Donostia.

O meu fillo, de Martial Fougeron, é un drama esplendidamente interpretado sobre unha nai posesiva até extremos paranoicos (Nathalie Baye), e o seu sufrido fillo (Victor Sévaux), que padece a súa insuportabel presión até que non atura máis e reacciona de maneira violenta. Moi correcto, si, pero eu pasei toda a metraxe imaxinando o que faría un Michael Haneke con estes elementos. E vale, é posibel que estea sendo demasiado esixente, que quizá debera prestar máis atención ao que hai de positivo en cada filme máis que reparar no que teñen de malo ou no que poderían ser. Pero, por outra parte, ¿a que vén un a un festival de cine de primeiro nível? ¿A aplaudir unha peli divertida pero intrascendente como ese Delirious de Tom DiCillo, de ritmo vibrante e cuns magníficos Steve Buscemi e Michael Pitt, sen esquecer a fermosa presenza da adorada Gina Gershon? ¿A soportar a pretenciosa mediocridade de Lo que sé de Lola, de Javier Rebollo, cunha raquítica vontade de estilo a forza tanto de silenzos como dunha redundante voz en off e que en calquera caso non esconde os evidentes buratos do seu guión, cun Michaël Abiteboul seguindo por todas partes de maneira obsesiva a Lola Dueñas sen que esta se decate? Non: un festival debe ser un escaparate da diversidade cinematográfica, un lugar para o risco e a audacia que están vetadas nas salas comerciais. Non sucede tal; equivocámonos un ano tras outro, pero non por iso perdemos a esperanza. Sempre acaba aparecendo algunha obra mestra.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: