Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DENDE BETHLEHEM

Feliz Aninovo 5767

Esta fin de semana, para o calendario occidental, coincidiron dúas das máximas celebracións para musulmáns e xudeus. Mentres os primeiros celebran o comezo do mes de Ramadán (conmemórase a primeira revelación do Corán, comezando así un mes de xaxún), os outros festexan Rosh Ha-shanah (a cabeza do ano ou ano novo xudeu). É este último un festival que este ano lunar cumpre 5767 anos. Este día coincide no outono, posto que os antigos semitas pensaban que o ano comezaba nesta época do ano, coa chegada da colleita. É un día no que toda a humanidade é xulgada e no que Deus determina o que sucederá ata o seguinte fin de ano. Así, o motivo da súa celebración non é o da creación do universo, senón a do home e, deste xeito, recítanse dez textos bíblicos baseados no tema de Deus como Rei e outros dez relacionados co shofar (un corno de carneiro que lembra o sacrificio de Isaac e que se fai soar para ocasión). Unha crónica de Moncho Iglesias Míguez.

- 09:43 25/09/2006
Tags:

As tradicións están marcadas e repítense en todas as familias. É habitual desexar un shana tová umetuká (feliz e doce ano novo) cando se saúda e os máis relixiosos engaden o anhelo de que a outra persoa sexa inscrita no libro da vida. Isto é así porque este día ábrense tres libros: un para os xustos e honrados, un para os malos e outro para o resto da xente. Mentres eses que se portaron peor quedan inmediatamente rexistrados no libro da morte, a xente regular queda en suspensión ata Yom Kippur (Día do perdón), dez días máis tarde.

Como todas as festividades xudías, a cerimonia comeza co ocaso, marcado polo son de sirenas que se escoitan en todo o país, e o alumeado de candeas. Servindo de preparación para esa última velada do ano, percórrense as sinagogas, a noite anterior, lendo os textos sagrados e compartindo vixilia. O día propio, que, de acordo a certas leis relixiosas, nunca pode cadrar domingo, mércores ou xoves, séguense certas regras transmitidas xeración tras xeración. Neste sentido, as roupas negras, vestidas polos máis relixiosos durante todo ano, múdanse por prendas claras e mantos brancos. Ao mesmo tempo, as comidas sempre inclúen certos alimentos, todos elos simbolizando a data que se venera.

Mazás bañadas en mel, mostra da esperanza dun ano doce; granada, posto que crese que a froita contén 613 grans, o número exacto de preceptos que ha cumprir un bo xudeu; un peixe ao que se lle poda comer a cabeza, para que o ano comece ben e sega así ata o final, e para que esteamos sempre á cabeza de todo; e outros pratos propios de cada unha das culturas que congrega a relixión xudía enchen mesas regadas de viño e rezos para cada un dos manxares. Mais hai un alimento que debe evitarse: os froitos secos. Amais de producir flegmas e facer así máis difícil o recitado dos rezos do día, o valor numérico da palabra en hebreo, egoz, é o mesmo que pecado, heta.

Familias enteiras unidas ao redor das Escrituras Sagradas lembran os ditados da súa fe, facendo coincidir a xudeus e musulmáns no silencio de acordos espirituais que só separa o home. Para ambos empeza un período de reflexión no que preocupan os pecados cometidos durante o ano e se intenta meditar sobre eles para non repetilos. Así pois: shalom aleinu u-al kol a-olam, que a paz sexa connosco e con todo o mundo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: