Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN NENO CON CAMISOLA VERMELLA IMPIDELLE XOGAR A OUTRO COA DE CATALUÑA

O último anuncio a prol das seleccións catalás senta mal en España

A só unhas semanas do encontro entre Cataluña e Euscadi a polémica está servida coa emisión este venres dun novo anuncio da Plataforma pro seleccións catalás e a conseguinte protesta do Partido Popular. No espot, un neno cunha camiseta vermella impídelle xogar ao fútbol a outro que leva a de Cataluña. A campaña procura reivindicar o recoñecemento internacional dos combinados catalás baixo o lema ‘Unha nación, unha selección’. Esta mesma semana, o dianteiro do F.C. Barcelona Samuel Eto´o centrou outra polémica logo de pedir que lle realizasen unha pregunta en castelán e non en catalán.

- 15:08 22/09/2006
Tags:

O próximo 8 de outubro o Camp Nou acollerá o encontro entre as seleccións de Euscadi e a de Cataluña. Co gallo deste partido, a Plataforma pro seleccións catalás presentou unha nova campaña co obxectivo de reivindicar o recoñecemento internacional dos seus combinados.

A polémica chegou co anuncio televisivo. No espot, varios rapaces xogan ao fútbol con equipacións (non oficiais) de diferentes seleccións como Francia, Brasil ou Arxentina. Un neno coa camisola de Cataluña quere xogar con eles pero impídello outro rapaz cunha camisola vermella.

Os mesmos creadores do anuncio, recoñecían o xoves na cadea SER que a súa intención era clara: sinalar ás institucións españolas como culpábeis de que Cataluña non poida desputar competicións estatais oficiais, tales como un mundial ou unha Eurocopa.

Nas próximas semanas a FIFA decidirá se permite a Gibraltar participar en competicións oficiais. Unha resolución positiva sentaría un precedente para casos como os de Cataluña xa que ata agora, a máxima institución só permitía a participación de estados recoñecidos pola ONU.

Protestas do Partido Popular
Incluso antes de que o anuncio sexa estreado, o Partido Popular xa lle pediu ao Consello Audiovisual de Cataluña que inste á Televisión catalá a non emitir o espot porque fomenta a confrontación e a exclusión. Segundo o PP, o anuncio ten contido político, cosa que, segundo eles, vulnera a lei de comunicación audiovisual.

Eto´o: obriga non, recomendación
Esta semana a polémica xa alcanzara ao fútbol catalán cando o pasado domingo o dianteiro do Barça Samuel Eto´o pediu a un periodista que repetise en castelán unha pregunta que finalmente non contestou.

O candidato ao Balón de Ouro tivo que explicar que non entendeu a pregunta en catalán e que logo non a contestou pola clase de pregunta, que ao seu parecer non era apropiada.

O internacional camerunés explicou durante toda a semana a súa predisposición a adaptarse á cultura catalá e desvelou que as fichaxes do Barcelona teñen unha cláusula no contrato que lles obriga a aprender o idioma. Pouco despois o club asegurou que a cláusula non é unha obriga, se non "unha recomendación".


0/5 (0 votos)