Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DENDE DONOSTI -1

Camiño á perdición

O noso enviado especial Martin Pawley xa aterrou en Donosti para enviarnos dende alí, un ano máis, as súas crónicas do festival que se inaugura hoxe. E así comeza a primeira: "Considerando que este ano o Festival de Donostia dedica a súa retrospectiva temática á inmigración, tiña algún sentido que como película inaugural escollesen, entre as que van a concurso, unha que segue o caso duns traballadores chineses ilegais no Reino Unido. O problema é que todo o que nos contan, malia ser real, é absolutamente inverosímil."

- 12:59 21/09/2006
Tags:

Xúrollo: nunca pensei que vería un filme que conta o naufraxio dunha furgoneta. O 5 de febreiro de 2004 vinte e tres inmigrantes chineses morreron afogados na baía de Morecambe, no Reino Unido, mentres traballaban mariscando para pagar as cuantiosas débedas coas bandas coas que se comprometeron na súa búsqueda dun mellor porvir. Os feitos están explicados nesta páxina web, na que mesmo é posíbel contribuír economicamente a paliar a desgraza das víctimas e das súas familias, aínda hoxe encadenadas aos pagos ás mafias. Unha das supervivintes, Ai Qin, protagoniza no cine a súa propia historia con escasa ou nula fortuna, pero a culpa do desastre final non é súa, nin do resto de actores non profesionais que participan, senón do director, Nick Broomfield, incapaz de facer críbel un relato que por definición debía selo. Ridiculamente subraiada por cancións e musiquiñas orientais de todo a cen, Ghosts pretende moverse no gume da navalla que separa a ficción do documental, pero acaba por decantarse con descaro polo dramón falsamente naturalista. Nada ten forza nin sentido ao longo da súa metraxe, así que tan só nos queda agardar que a súa cotrosa vulgaridade non sirva de mal presaxio para o que queda de certame nunha edición, esta, francamente desconcertante. Como vén acontecendo nos últimos tempos, a Sección Oficial non está precisamente inzada de nomes de prestixio, e nela só chama a atención a presenza de Hirokazu Kore-eda, o autor de Ninguén sabe que agora dá un xiro inesperado cun filme sobre un xove samurai; a volta a Donostia de Bhaman Ghobadi, gañador da Cuncha de Ouro no 2004, e a aparición dalgúns vellos coñecidos como John Boorman, que coñeceu tempos mellores, ou do "indie" Tom DiCillo. Tratará de elixir cal é a máis valiosa, ou talvez a menos mala, un xurado presidido pola actriz Jeanne Moureau do que forman parte tamén Isabel Coixet, Manuel Gómez Pereira, Bruno Barreto (director de "Dona Flor e os seus dois maridos"), Sara Driver, Bruno Ganz (o Hitler da recente "O afundimento") e José Saramago. Fora de concurso, Lars von Trier, que lles confeso non é alguén que me inspire demasiada admiración; e o derradeiro filme do defunto Joaquim Jordà, "Máis alá do espello", a quen se lle outorgará a título póstumo o Premio Nacional de Cinematografía. En vida, o traballo de Joaquim Jordà raramente pasaría pola sección maior do festival, pero xa se sabe que a morte acostuma a aumentar o aprezo que sentimos pola xente.

Estraña é tamén a escolma de "perlas doutros festivais" que nos presenta o Zabaltegi. Estraña e breve. "Bamako", de Abderrahmane Sissako, é sen dúbida o meu obxectivo número un para este festival, e por suposto haberá que achegarse a ver ese "Belle toujours" do case centenario Manoel de Oliveira. "Children of Men", de Alfonso Cuarón; "The Devil wears Prada", de David Frankel, e "Little Miss Sunshine", de Jonathan Dayton e Valeire Faris, terán estrea en poucas semanas, e de feito os seus tráilers xa circulan polas salas de cine. Magnífico é o documental-concerto de Jonathan Demme "Neil Young: heart of gold", sobre o célebre cantautor canadiano, pero xa está editado en DVD nos Estados Unidos e polo tanto leva meses ao alcance dos curiosos. E difícil será que non aporte algo valioso o filme colectivo "Paris, je t'aime", cuxa nómina de directores inclúe a figuras como Joel & Ethan Coen, Walter Salles & Daniela Thomas e o autor da xenial "As triplettes de Belleville", Sylvain Chomet.

Xa saberán, con certeza, quen son os dous Premios Donostia deste ano: Max von Sydow, lenda do cine europeo e actor habitual de Ingmar Bergman, co que fixo películas tan imponentes como "O manantial da doncela"; e Matt Dillon, que me resulta moi simpático, si, pero non sei se tanto como para darlle un galardón honorífico. E para recuperarse dos malos momentos sempre nos quedará Ernst Lubitsch, o autor que ocupa a retrospectiva clásica. A contemporánea vai dedicada a Barbet Schroeder, así que permítanme acabar como ao principio, xurando un pouco: nunca pensei que vería libros dedicados a examinar a obra do autor de "Muller branca solteira busca...". E conste que o seu documental sobre Idi Amin é estupendo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: