Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
QUINTANA, SATISFEITO DE TER INICIADO O PROCESO DE MODERNIZACIÓN

BNG: A fin do asemblearismo decidirase na asemblea

Anxo Quintana segue a confiar na idea de que converter o BNG nalgo máis semellante a un partido deixando atrás o sistema asembleario por un de delegados que voten nas asembleas nacionais, malia o fracaso da proposta no Consello Nacional celebrado esta fin de semana. O lider da fronte abriu o debate tentando que o novo sistema funcionase xa na XII Asemblea Nacional, que se celebrará os vindeiros 2 e 3 de decembro, pero a maioría do Consello Nacional estimou que de momento o cambio non era oportuno, e botou a iniciativa abaixo con 55 votos en contra, 33 a favor e 7 abstencións. En valoracións posteriores ao Consello, Quintana dáse por satisfeito con ter posto o debate sobre a mesa e dixo sentirse "orgulloso" de pertencer a unha organización democrática. En decembro o quintanismo, que se consolida na súa independencia con respecto a outras correntes do Bloque, recuncará ante a militancia.

- 06:09 18/09/2006
Tags:

Logo de manifestar unha posíbel apertura cara ao cambio de sistema de votación en apoio a Quintana, a Unión do Povo Galego preferiu manterse no asemblearismo, sistema no que manexan ben o seu poder hexemónico na organización, ou polo menos agardar formalmente a que sexa a Asemblea a que se pronuncie nun ou noutro sentido. Coa posición do partido que dirixe Francisco Rodríguez aliñáronse por primeira vez a corrente beirista, a de Esquerda Nacionalista e a corrente dos non adscritos, que temen que se "desnaturalice" o seu espíritu de formación dende a base que distingue a seu modelo frentista doutros partidos.

Así pois, aínda que perdeu a votación, Quintana móstrase satisfeito de demostrar a consolidación e independencia do quintanismo e iniciar un camiño de modernización que antes ou despois confía en sacar adiante. No Consello Nacional contou co apoio de voces importantes como as de Carlos Aymerich, Tereixa Novo, Roberto Mera, Pilar Candocia ou Xesús Vega Buxán, e no seo da UPG tamén tería apoio de do voceiro do BNG Francisco Jorquera, que se tería abstido na votación sobre o sistema de delegados.


Ligazóns

0/5 (0 votos)