O Consello Galego de Colexios de Veterinarios vén de expresar o seu apoio e total solidariedade co colexiado Federico Real, que denunciou a malleira que un dos seus veciños lle deu aos seus propios cans. Os veterinarios galegos rexeitan ademais o apoio que recibiu o acusado por parte de varios veciños. Neste mesmo senso, a asociación ecoloxista adega expresou a súa solidariedade co afectado e reclama unha modificación legal que inclúa a inhabilitación dos agresores para posuír animais. Ao mesmo tempo, Real fixo pública unha nota de prensa na que asegura que a súa vida converteuse "nun inferno" desde que o acusado, foi multado con 6.000 euros hai un ano e medio. Engade ademais que fixo públicas as imaxes logo de que o seu can morrese envelenado.
O Consello Galego de Colexios Veterinarios amosou a súa solidariedade coa actuación do colexiado Federico Real Sánchez logo dos incidentes do mércores nos xulgados de Ribeira. Os veterinarios galegos rexeitan e consideran "incomprensíbel" o apoio que recibiu o protagonista da malleira aos cans por parte de varios veciños e aseguran que este grupo non representa á parroquia de Aguiño. O consello quere tamén defender a longa tradición do pobo galego, e por suposto, do concello de Ribeira, no coidadeo e respecto polos animais.
Neste mesmo senso, a asociación ecoloxista Adega expresou o seu apoio e solidariedade co veterinario e anima á cidadanía a seguir o seu exemplo e denunciar casos similares de maltrato animal. Así, ao igual que Abeiro, Adega manifesta a súa intención de denunciar diante da Fiscalía de Medio Ambiente todos os casos que cheguen ao seu coñecemento.
Ao mesmo tempo, Adega solicita aos poderes públicos unha maior sensibilidade e respeito polos dereitos dos animais, así como unha maior dureza no castigo dos casos de maltrato. Segundo a asociación, no actual Código Penal existe un novo apartado denominado «Dos delictos relativos á protección da flora, fauna e animais domésticos» no que se tipifica o maltrato de animais domésticos como delicto cando a conduta sexa grave. Neste aspecto Adega propón que ao necesario endurecemento das penas se engada a inhabilitación dos agresores para posuír animais para que deste xeito o animal magoado non teña que convivir co seu maltratador.
Comunicado do veterinario
Pola súa parte, Federico Real fixo pública unha nota de prensa na que agradece as mostras de cariño e solidariedade que está recibindo desde todo o Estado. Real está convencido de que "os corenta energúmenos que me insultaron onte non representan en absoluto á parroquia de Aguiño".
Segundo o veterinario, desde febreiro de 2005, cando Xoán Lado foi sancionado con 6.000 euros, "a vida da miña familia converteuse nun auténtico inferno". Ademais, explica que fixo públicas as imaxes logo de que o seu can morrese envelenado o pasado 3 de setembro e lembra que en abril do 2005 el e a súa muller recibiron "unha malleira", feitos polos que os agresores foron condenados polos tribunais.