"Este verán África e os seus conflitos foron de novo os grandes esquecidos dos políticos, dos medios de comunicación e dos cidadáns. Mentres os televisores introducían nas nosas vacacións o horror que se vivía en Líbano e Israel, a gravísima situación que viven os habitantes de Darfur, unha rexión tan grande como Francia no oeste de Sudán, pasaba case inadvertida". Esteban Beltrán, director para España de Amnistía Internacional, repasa as orixes desta situación e reflexiona sobre a crise de dereitos humanos que viven os desprazados, cando se celebra o Día Global por Darfur.
Este verán África e os seus conflitos foron de novo os grandes esquecidos dos políticos, dos medios de comunicación e dos cidadáns. Mentres os televisores introducían nas nosas vacacións o horror que se vivía en Líbano e Israel, a gravísima situación que viven os habitantes de Darfur, unha rexión tan grande como Francia no oeste de Sudán, pasaba case inadvertida.
Ninguén escoitou este verán a voz dun habitante do pobo de Bir Kedous, entrevistado polos investigadores de Amnistía Internacional. Contaba como berraban os yanyawid, milicias nómadas aliadas co goberno: "Viñemos matar ós escravos negros". Contaba tamén como destruían todo: "Entraron nas casas e perseguiron ás persoas que trataban de fuxir. Eu saín correndo xunto a un imán moi vello. Disparáronlle catro veces no lombo e na perna. Incendiaron o pobo. De cen casas só quedaron intactas dez."
Hoxe o goberno de Sudán está acumulando tropas (ata 26.000 soldados) preto de Darfur para, en teoría, protexer á poboación civil. A situación, de puro tráxica, é case surrealista: as persoas desprazadas en Darfur están absolutamente aterrorizadas ante a idea de que os mesmos soldados que as expulsaron dos seus fogares e poboacións poidan ser envíados agora, supostamente para protexelas.
Repasemos brevemente a historia desta crise de dereitos humanos. A pesar do Acordo de Paz Global asinado en xaneiro de 2005 polo goberno sudanés e grupos armados, que puxo fin a decenios de conflito entre o norte e o sur, a situación desta rexión segue sendo dramática. O Acordo de Paz de Darfur, asinado en maio de 2006 polo goberno e unha facción dun dos grupos armados operativos na zona, o Exército de Liberación de Sudán, é papel mollado, xa que recruaron os enfrontamentos con outras faccións e grupos.
Alí, no oeste do país, as forzas gubernamentais, os yanyawid e ,en menor medida, os grupos políticos armados seguen perpetrando graves violacións e abusos contra os dereitos humanos da poboación, ante a parálise da comunidade internacional. Os yanyawid aterran á poboación con total impunidade, ensañándose coas mulleres, e masacrando pobos enteiros. Incluso nos campos de desprazados e de refuxiados estes "homes a cabalo" actúan sen que aparentemente ninguén teña a suficiente autoridade para poñer freo ás súas incursións. Nin sequera as mal dotadas forzas da AMIS (Misión da Unión Africana despregada na rexión).
Nos últimos anos, 85.000 civís foron vítimas de homicidios e máis de 200.000 morreron por causas relacionadas con a guerra. Máis de dous millóns de persoas tiveron que abandona-los seus fogares e viven en campos de desprazados internos ou de refuxiados no veciño Chad. Máis de tres millóns e medio de persoas dependen agora a axuda internacional para sobrevivir. Estas cifras falan por si soas, pero seica non abondaron para que os poderosos da terra amosen dilixencia á hora de tentar impedir que a poboación civil de Darfur sexa asasinada, expulsada das súas terras, ou que sexan violadas sistematicamente as mulleres e as nenas.
Nestes momentos, ademais, o conflito ameaza con rexionalizarse, xa que as milicias yanyawid están realizando incursións no Chad, aliándose con grupos armados locais, para atacar á poboación no país veciño. Mentres tanto, desafiando directamente a prohibición do Consello de Seguridade da ONU de realizar voos de ofensiva militar sobre Darfur, avións Antonov do goberno sudanés seguen bombardeando zonas baixo o control de quen se opoñen ó Acordo de Paz. Ata hoxe, este goberno só amosou desprezo polos civís de Darfur, a quen ten a inescusable obriga de protexer.
As resolucións de Nacións Unidas dos últimos anos non se aplicaron, e as seis roldas de conversas que tiveron lugar ó longo de case dous anos non conseguiron resolve-lo conflito. A pesar de todo, a esperanza reavivouse o pasado 31 de agosto cando o Consello de Seguridade da ONU aprobou a Resolución 1706 que aproba o envío de forzas de mantemento da paz cun mandato conforme ó Capítulo VII da Carta de Nacións Unidas, suficiente para protexer á poboación civil. Sen embargo, a aplicación desta Resolución conta cun obstáculo fundamental: o goberno sudanés ten que acepta-lo envío de tropas e, ata hoxe, todo apunta a que non ten intención de admitilas.
Para facer fronte a esta situación, hoxe celébrase en todo o mundo o Día Global por Darfur. Amnistía Internacional e outras moitas organizacións queren que a traxedia humana de Darfur non sexa invisible. Queremos, sobre todo, que o goberno sudanés sinta a presión de miles de ollos observando o que fai e o que non fai para protexer á súa poboación. Queremos que non se crea impune. Debemos conseguir que acepte a Resolución de Nacións Unidas e permita a entrada no país ós Cascos Azuis.
Que ironía: Darfur significa en árabe "fogar dos Fur"...; xa é hora de que os habitantes desta castigada rexión sudanesa poidan volver ó seu fogar en paz e seguridade, e os perpetradores de tantas violacións de dereitos humanos sexan conducidos ante a xustiza.