Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA ACUSAR A XUNTA DA DILATACIÓN DO PROCESO DE CARA AOS POSÍBEIS LUMES

O PP pediulles aos seus concellos que retrasasen a contratación das brigadas contraincendios

O PPdeG pediulles aos concellos que gobernan retrasaren a sinatura dos convenios con Medio Rural para a contratación das brigadas de extinción de incendios o máximo posíbel, co obxectivo de culpar o proceso administrativo da Xunta dos retrasos na creación de cuadrillas ante os posíbeis efectos dos lumes este verán. Así o desvelou hoxe a Cadena Ser logo de ter acceso a unha circular enviada pola dirección provincial do PP na Coruña con data do 22 de xuño na que se propón unha estratexia de dilación das sinaturas para transmitirlle á opinión pública que os concellos do PP están dispostos a colaborar "a tope" na loita contra os lumes, pero que "a lentitude da Xunta e as variacións introducidas nos convenios alongan os procedementos e provocan retrasos de máis de dous meses con respecto a outros anos no funcionamento das cuadrillas".

- 17:37 11/09/2006
Tags:

No documento filtrado á Cadena Ser, e ao que tamén accedeu Vieiros, recoñécese que "non existen grandes diferencias" cos anteriores convenios realizados polo PP, polo que non teñen "a suficiente entidade para xustificar unha decisión xeral dos concellos do PP de non asinar os convenios, sobre todo pensando en que se houbera, como o ano pasado, moitos lumes, a Xunta tentaría responsabilizar o PP ante a opinión pública por esta decisión". Polo tanto, din, a estratexia que propoñen baséase "na dilación", pero non na negativa.

Vicepresidencia pídelle explicacións a Feijoo
Logo de coñecer a existencia e contido desta carta, a Vicepresidencia da Xunta comunicou esta tarde que agarda "unha explicación" por parte do PP e de Alberte Núñez Feijoo sobre o contido do documento, que cualifican de "inconcibíbel nunha formación democrática, polo que supón de uso partidista das institucións, menosprecio e ataque á autonomía municipal" e tachan a estratexia proposta de facer "politiquería da peor calaña" nun tema "tan serio e grave coma o dos incendios". Acusan o PP de usar os alcaldes "para poñelos ao servizo dunha estratexia partidaria".


0/5 (0 votos)