Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O ALCALDE DESMÁRCASE DA PETICIÓN DO CONCELLEIRO DE INDUSTRIA

Carballo pide información sobre o cemiterio nuclear

Alén das 63 poboacións que xa están no contorno das centrais nucleares existentes en todo o Estado e que solicitaron información sobre o proxecto para a construción dun almacén de lixo nuclear, o concello zamorano de Peque e o galego de Carballo foron os únicos interesados nesa posibilidade. O concello coruñés está gobernado conxuntamente por BNG, PSOE e CDI, e o responsábel da iniciativa foi o concelleiro de Industria e membro desta última formación independente. Porén o alcalde, do BNG, desmarcouse esta mañá ante os medios de comunicación da iniciativa destas xestións feitas polo concelleiro, do que di que o fixo "a título persoal" e "sen coñecemento do Goberno local".

- 15:27 06/09/2006
Tags:

Os ecoloxistas galegos xa denuncian ese paso. Mentres, o Bloque levou ao Parlamento unha iniciativa para a declaración de Galiza como "territorio desnuclearizado", proposta votada favorablemente por socialistas e populares.

O anzol dos elevados investimentos prometido desde o executivo para o lugar que apande co almacén de residuos nucleares estatal, moveu a un elevado número de concellos a solicitar información ao respecto. Con todo, a maioría son núcleos de poboación que xa están próximos ás actuais centrais nucleares, malia que fóra desas áreas na lista do ministerio de Industria e segundo avanzou o xornal El País, ao coñecido caso do concello zamorano de Peque únese o galego de Carballo.

Xoán Francisco Pérez Ferreiro, integrado no Centro Democrático Independente, CDI, e responsábel do departamento de Industria, Comercio, Feiras e Mercado de abastos do Concello de Carballo, foi o promotor desta petición. Os catro concelleiros do CDI xestionan o concello xunto cos cinco do BNG e os dous do PSOE, froito dun acordo que apartou ao PPdeG do poder, despois de obter oito asentos nas pasadas eleccións municipais.

Ao respecto do almacén pronunciouse tamén o colectivo ecoloxista Verdegaia, desde onde sosteñen que "a xestión dos residuos non se pode desligar do futuro das nucleares nin técnica nin socialmente". A opinión de Verdegaia é que a prioridade é adoptar "un plano que articule o peche urxente das centrais en funcionamento". "Canto máis tempo funcionen as centrais nucleares, maior volume de residuos radiactivos haberá que xestionar", sinalan, explicando que unha vez decido o peche será o momento de abrir "un amplo consenso social e político entre todos os colectivos interesados, incluídas as organizacións ecoloxistas, ao respecto da xestión de resíduos, ubicación de almacéns e demais".

Sobre a posibilidade de que ese almacén viñese para Galiza falouse este martes no Parlamento galego, onde Fernando Blanco Parga, deputado do BNG, defendeu unha proposición non de lei para pedirlle ao Estado que declare a Galiza "territorio desnuclearizado", impedindo así que poida ser escollida como emprazamento dos residuos nucleares. Blanco Parga referiuse na súa intervención ás "trampas" que na súa opinión se están promoven para captar vontades en favor do almacén.

"O problema enerxético dos países occidentais e concretamente da UE vén do desbalde da mesma", sinalou, pedindo que se aposte por intervir primeiro no consumo, sobre todo nas empresas e nas institucións públicas, e relanzar ao tempo a aposta polas enerxías renovábeis. O deputado nacionalista opinou que "é un falso debate defender o carácter limpo, seguro e barato da enerxía nuclear e falar de que é unha boa solución á emisión de CO2". A iniciativa recoméndalle tamén ao goberno galego que siga coas políticas de impulso do aforro de enerxía e fomento de enerxías renovábeis. Os deputados de PsdeG e PpdeG apoian a posición, que este mércores vota o pleno da Cámara.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: