Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATE NO PARLAMENTO SOBRE A VAGA DE INCENDIOS

Feijoo pide a demisión de Suárez Canal e recoñece a existencia de "tramas" incendiarias

"Voulle dicir o que faría se estivera no seu lugar: cesaría o conselleiro directamente responsábel da maior desastre ecolóxica dos últimos 16 anos e aceptaría a creación dunha comisión de investigación para chegar ata o final de por que morreu xente, se perdeu tanto diñeiro e se calcinaron 100 mil hectáreas", espuxo o presidente do PpdeG, Alberte Núñez Feijoo, na súa intervención parlamentaria. Feijoo, que acusou ao executivo de deixar só ao conselleiro do Medio Rural e ao presidente da Xunta de ter como único obxectivo "saír indemne da crise queimando un conselleiro", dixo que Pérez Touriño "non xogou limpo coa sociedade, coa oposición nin co seu goberno", aínda que puntualizou que malia todo lle solicita ao presidente "o cesamento de Suárez Canal como conselleiro do Medio Rural".

- 12:58 05/09/2006
Tags:

Feijoo afondou na teoría que vén defendendo o PPdeG, baseada en que a vaga de incendios do pasado mes de agosto foi similar á de outros veráns e insistindo en que a única diferencia foi que desta volta fracasou o dispositivo de extinción. Segundo o presidente dos populares, o plan Infoga tardou en presentarse "a selección de persoal non se rematou a tempo, e os brigadistas e os propios sindicatos queixáronse de que houbo descoordinación e improvisación" e ténicos forestais dixeron que "non se atacaron os lumes nos seus puntos de inicio". "Houbo descontrol, improvisación, incompetencia e soberbia", criticou Alberte Núñez Feijoo.

Así e todo, Núñez Feijoo afirmou que "hai incendiarios que queiman o monte" e admitiu que "a trama existe, e existiu nos últimos quince anos", puntualizando ao respecto en dirección aos asentos de socialistas e nacionalistas que "esa trama non a descubriron vostedes agora" e lembrando que o PP denunciou en reiteradas ocasións esa posibilidade.

Por outro lado, o voceiro dos populares foi especialmente crítico co conselleiro de Presidencia, ao que lle preguntou "por que non gastou os cinco millóns de euros contra os incendios dos que dispoñía" e "por que non activou o plan especial de protección civil", asegurando ademais que a metade dos membros da unidade antiincendios dependente de Protección Civil estaban de vacacións durante esas semanas. Tamén foi belixerante Núñez Feijoo cara ao conselleiro de Medio Ambiente, ao que acusou de non participar no gabinete de crise malia que "tiña a responsabilidade dun terzo dos axentes forestais, os espazos naturais e as 500 mil toneladas contaminantes nos ceos galegos". Denunciou tamén que o executivo constituíse o gabinete de crise "mesmo despois de que xa o fixese o propio partido da oposición".

"O presidente da Xunta deixou só ao conselleiro do BNG pero hai dous días vimos catro conselleiros socialistas no río Umia, á beira dun concello con goberno socialista, vostede faría o mesmo se o responsábel da loita contra os incendios fose socialista?", preguntoulle Feijoo a Touriño. "Que ten que pasar para que alguén dimita ou sexa destituído?", preguntou Feijoo, insistindo en que malia todo Touriño "debe cesar o conselleiro de Medio Rural". "Semella que faga o que faga, cometa os errores que cometa, non pasará nada no goberno", teimou. "Ten a nosa man tendida pero non seremos cómplices desta catástrofe nin de deixar impunes os responsábeis políticos da catástrofe".


0/5 (0 votos)