Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A XUNTA PÍDELLES AOS VECIÑOS QUE REDUZAN O CONSUMO DE AUGA

Brenntag está disposta a pagar os custos derivados do vertido

A "electricidade estática" e as "elevadas temperaturas" foron apuntadas desde a empresa alemá Brenntag como as posíbeis causas do accidente acontecido, ao tempo que a multinacional química aseguraba que "en principio" está disposta a correr cos gastos que causou a contaminación producida. Ao respecto, lembrámoslles que o ministerio de Medio Ambiente prepara unha lei que fará obrigatorio que as empresas contaminantes se responsabilicen dos danos causados neste tipo de sucesos. Mentres, a Xunta reúne os milleiros de metros de tubaría precisos para a canalización de 17 kilómetros coa que se abastecerá provisionalmente de auga potábel á comarca do Salnés. Ao tempo, a consellaría de Medio Ambiente anunciou que lle trasladou o caso á fiscalía para que investigue as posíbeis accións contra a empresa.

- 06:31 05/09/2006
Tags:

Brenntag Iberia a través da súa portavoz de España, Belén Ruiz, vén de anunciar a súa intención de sufragar "en principio" os gastos derivados da contaminación ocasionada polo vertido no río Umia e asegurou que dispoñen de seguros que cobren estas eventualidades.

A empresa tamén anunciou que a mancha de produtos químicos no río ocasionada polo incendio rexistrado o venres na súa fábrica de Caldas de Reis desaparecerá totalmente "en dou ou tres días". Segundo Brenntag, trátase dunha "mancha superficial" de tolueno, xileno e estíreno negando que no río se vertese benceno ou metais pesados.

Ruiz informou que as primeiras conclusións sobre as causas do accidente amosan que a causa puido ser a "electricidade estática" e as "elevadas temperaturas", no momento no que se procedía a manipular tolueno, un disolvente altamente inflamábel.

Canalización alternativa Na mañá do luns celebrou unha xuntanza entre os conselleiros de Medio Ambiente e Pesca e Emilio Pérez Touriño. Poucos minutos despois de rematar a reunión Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, asegurou que a Xunta está a despregar todos os recursos operativos necesarios para facer fronte ao vertido tóxico. Vázquez coincidiu coa titular de Pesca, Carmen Gallego en que o goberno autonómico está a abordar a situación "con total transparencia" e en permanente contacto coas administración e sectores afectados.

Os traballos desenvólvense agora cun dobre obxectivo. Por unha parte reducir a contaminación do vertido, que lle afecta a seis kilómetros do río Umia, e doutra banda, despregar un sistema alternativo de subministro de auga potábel para as nove localidades do Salnés que collían auga do Umia: Vilagarcía, O Grove, Meis, Ribadumia, Meaño, Cambados, a Illa de Arousa, Vilanova e Portas . A canalización de 17 km que se construirá, require de milleiros de metros de tubaría complicados de xuntar en pouco tempo, e para o que se mobilizou a máis de medio cento de camións para traer o material de diversas fábricas de todo o Estado e mesmo de Portugal.

No Umia levantáronse deica agora até tres diques de seguridade para a contención dos vertidos, en varias zonas augas abaixo do vertido tóxico. A meta é frear a mancha en canto chegue e favorecer a eliminación das sustancias contaminantes, para o que en cada un deles se botaron reactivos químicos capaces de filtrar e recurtar a toxicidade da auga. O vertido, que se estende xa nun treito de seis km, avanzou a última hora deste luns ata apenas un cento de metros do primeiro dique, levantado no lugar das Aceñas. De xeito paralelo, está en marcha un operativo de analíticas rápidas para coñecer a evolución da toxicidade e o grao de eficacia da peneira do vertido. Para este martes está prevista a chegada de técnicos do Centro Superior de Investigacións Científicas que participaron no seu momento no seguimento e recuperación da zona afectada polo vertido de Aznalcóllar, no contorno do Parque Natural de Doñana.

Anteriores:

  • A empresa que causou o vertido no Umia non poderá volver á actividade
  • Greenpeace presentará denuncia na fiscalía contra Brenntag


0/5 (0 votos)