Socialistas, populares e nacionalistas presentaron esta semana na Eurocámara cadansúa proposta para a activación do Fondo de Solidariedade cara a Galiza por causa da vaga de incendios deste mes de agosto. PSOE, PP e Galeuscat solicitan que este fondo establecido para a axuda diante de catástrofes naturais sirva para axudar fronte aos danos causados polo lume e poida botarse man del de xeito urxente. As iniciativas debátense este luns e serán votadas na xornada do martes.
A proposta levada polos socialistas ao Parlamento europeo, esixe que diante da gravidade da situación vivida en Galiza se aplique o novo criterio do Fondo de Solidariedade que "permite utilizar consideracións políticas para a su aplicación urxente, flexíbel e incondicional en circunstancias excepcionais". A xeito particular, os socialistas tamén propoñen modificar o plan europeo Forest Focus, analizando posíbeis medidas en materia de prevención de incendios. Os socialistas piden que na revisión deste programa que a Comisión debe presentar antes da fin do ano, se contemplen medidas concretas para protexer os ecosistemas forestais europeos, e de xeito concreto, a eurodeputada galega Rosa Migúelez explicou que propoñen que no futuro Plan de acción da UE para a xestión sustentábel dos bosques, "seconfigure unha política forestal real a nivel da UE, co obxectivo de mater e xerar empregos no medio rural e evitar así a súa desertificación".
Miguélez explicou que os socialistas estarán en favor de que se teña en conta que alén de circunstancias meteorolóxicas e outras cuasas, a orixe da maioría dos incendios "é atribuíbel aos cambios socioeconómicos e culturais acontecidos nas últimas décadas no mundo rural, que orixinaron un insuficiente mantemento dos bosques, xerando unha situación de abandono que serve de caldo de cultivo para determinadas condutas delituosas". Á beira, os socialistas pedírán "unha auténtica estratexia comunitaria de prevención, concienciación social e protección civil que nos permita facerlle fronte a este problema recorrente e compartido, especialmente nos Estados do sur de Europa".
Ao respecto do Fondo de Solidariedade fora o PP o primeiro en pedir a activación dos Fondos. "Con catro vítimas mortais, máis de 500 feridos, 35 núcleos de poboación desaloxados, curtes de vías de comunicación, multitude de animais mortos e milleiros de hectáreas queimadas, os incendios deste verán en Galiza provocaron unha auténtica catástrofe económica e social, que reclaman a uxente solidariedade da Unión Europea para reparar os danos causados". Así o argumentaba hai días o eurodeputado galego Daniel Varela, ao tempo que presentaba a solicitude do PP para a activación do Fondo de Solidariedade.
Varela pediu que a Eurocomisión detalle se o informe de avaliación de danos presentado polo executivo español é axeitado para a activación das axudas e avisou que en caso contrario, a catástrofe foi de tal magnitude que non se entendería que a UE non avaliara a posibilidade de activalas.
A proposta do BNG chegará ao Europarlamento da man do deputado vasco Josu Ortuondo, do grupo Galeuscat, que será o encargado de trasladar a iniciativa impulsada polo Bloque e consensuada polas forzas nacionalistas integrantes da coalición.
Ana Miranda, responsábel do BNG nas institucións europeas, apuntou que Galeuscat reclama a mobilización urxente de recursos do Fondo de Solidariedade da Unión Europea, para seren aplicados en Galiza "con flexibilidade" coa fin de colaborar na reparación dos danos sufridos. A voceira nacionalista aproveitou para lembrar "a nefasta incidencia da Política Agraria Común-PAC no cambio do sistema de produción agrario, que provocou un abandono obrigado das actividades agrarias tradicionales e unha despoboación do medio rural que provocou, entre outras causas unha falla de coidado da masa forestal".
Miranda explica que o Parlamento Europeo "ten que expresar a solidariedade co goberno galego pola catástrofe dos incendios asi como cos familiares das víctimas e personas afectadas" e sinala que "a traxedia ambiental sofrida polo lume en Galiza, supera a media europea de incendios por territorio e non debe deixar inmune ás institucións comunitarias, que deben axilizar, antes da fin de 2006, os instrumentos legais de prevención, conservación e atención de futuras catástrofes, asi como o servizo de protección civil europea".