Ao tempo que a auga comeza a escasear nas billas da comarca, o conselleiro de Medio Ambiente anunciou este mediodía que agarda que a partir desta tarde se poida restablecer a traída de auga ao Salnés con parte do caudal do río Umia. Os técnicos deste gabinete din ter "acoutada" a mancha que dende o venres ten alarmada a poboación da beira deste río e da ría de Arousa, a onde se temeu dende o principio que chegase o verquido tóxico. Para evitar a gran catástrofe ambiental e económica que isto suporía, o goberno confía en poder tratar quimicamente a mancha, inertizando os produtos tóxicos que contén, e en calquera caso conter o verquido para que non avance nin impida o cauce normal da auga limpa polo río abaixo.
Así pois, aínda que as previsións comezan a ser algo optimistas -logo de que as análisis demostrasen que non hai contaminación no cauce do Umia agás a zona da mancha- durante a noite pasada abríronse seis quilómetros de pista paralela ao rio para colocar a tubería que abastecerá de auga a comarca nos vindeiros días.
Nesta operación están a traballar máis de 40 máquinas e dun ceno de operarios, que tamén se ocupan de construír os diques de contención en Godos (Caldas de Reis) e Baión (Vilagarcía de Arousa.
O comité de emerxencia reuniuse onte en Cambados para tomar as primeiras medidas, composto polo conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego; técnicos dos dous gabinetes, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e os alcaldes da comarca do Salnés.
O BNG pide seguir a evolución da crise no Parlamento
O BNG vén de anunciar que presentará nos vindeiros días varias iniciativas na Cámara Galega para vixiar de preto a evolución da crise medioambiental que se desatou onte no río Umia co verquido de produtos tóxicos dunha nave industrial ao se producir un incendio nunha fábrica do grupo Brenntag.
O coordenador do grupo, Bieito Lobeira anuncia iniciativas relativas a eidos como "garantir en todo momento a salubridade da auga, a conservación do medio natural e o subministro dos veciños de Caldas e de toda a zona do Salnés".
Ademais, os deputados nacionalistas queren levar adiante medidas en defensa da produción pesqueira e marisqueira da zona, en vista da necesidade de pechar os bancos existentes no contorno e tamén os polígonos de bateas do Salnés.
Adega advirte do perigo dos depósitos de tóxicos perto dos núcleos de poboación
Nun comunicado a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) critica duramente a ubicación da planta de produtos químicos Brenntag, de alto risco e de gran poder contaminante, á beira mesmo do rio Umia "do cal se abastecen de auga potable importantes núcleos de povoación e a poucos kilómetros da desembocadura do río nunha ría de enorme valor ecolóxico e, ademáis, con importantes bancos marisqueiros".
Os ecoloxistas lanzan ademais unha advertencia aos concellos, á Xunta e tamén á administración de Xustiza sobre a "lixeireza" con que se acepta calquer ubicación para estas instalacións de alto risco para a seguridade e a saúde públicas e para o medio ambiente: "ningunha avaliación ambiental e de seguridade minimamente rigurosa podería ter aceptado que esta instalación se ubicase á beira deste río e/ou próxima a outras instalacións ou zonas povoadas". Adega lembra os riscos que repesentan os depósitos do Ferrazo no porto de Vilagarcia ou de Reganosa no interior da Ria de Ferrol, no núcleo urbano de Mugardos: "a Administración e a xustiza deben de tomar nota de que aínda estamos a tempo".