Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PRESIDENTE DO PPdeG OFRECE A BUSCA DE CONSENSO CONTRA O LUME ENTRE OS PARTIDOS

Feijoo recoñece agora a necesidade dun "pacto" forestal

"Estamos disposto a ese consenso, pero sempre e cando o goberno asuma a súa responsabilidade e deixe investigar até o final que foi o que pasou". O presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, poñía así condición para entrar ao diálogo solicitado por socialistas e nacionalistas e volvía deste xeito a recoñecer implicitamente a necesidade dunha viraxe nas políticas forestais aplicadas en Galiza nas lexislaturas anteriores. Con todo, acusaba ao BNG de tentar "dividir" e "enfrontar" a institucións "acusando sen probas", en referencia á denuncia dos obstáculos de alcaldes populares ao labor de extinción. O secretario de Organización do PSdeG, Ricardo Varela, acusaba este martes aos dirixentes do PP de "faltar á verdade non recoñecendo o rigor e o traballo do goberno desde o primeiro momento da crise dos incendios".

- 07:01 30/08/2006
Tags:

"Só lles queda pedir a demisión da oposición", comentaba Alberte Núñez Feijoo este martes ao fío das recentes críticas desde a Xunta aos alcaldes populares de concellos afectados polo lume. Feijoo cualificou de exemplo de "sectarismo" as declaracións de Anxo Quintana a pasada fin de semana aos rexedores do PP, e pediu que se deixe de "tentar dividir ás institucións". Tamén volveu cargar contra o presidente da Xunta, ao que acusou de "lavar as mans como Poncio Pilatos".

Nesa liña, o presidente do PPdeG ofreceu a posibilidade de negociar un pacto en política forestal co executivo galego, pero subliñou que os populares esixen que a cambio o goberno de socialistas e nacionalistas "asuma as súas responsabilidades e deixe de sementar a discordia civil, atribuíndolle culpas a alcaldes, xuíces ou brigadistas". Xa que logo, a vontade de que a comisión parlamentaria sirva para a investigación "a fondo" do acontecido, sería clave para que os populares aceptasen o diálogo sobre o futuro do monte.

Tamén a ese ofrecemento se referiu o líder do partido, Mariano Rajoy, que no mesmo acto na localidade pontevedresa de Ribadumia dixo agardar que o executivo galego "acepte ese ofrcemento de acordo e pacto para tratar un dos temas máis importantes que enfronta Galiza". Malia iso, Rajou insistiu en sinalar que o acontecido foi froito "dunha administración incompetente e ineficaz que non atende aos problemas da xente" "O PP xa avisou de que as cousas ían mal", dixo. Con todo, o seu discurso foi na súa maioría en clave estatal, zoupando no goberno Zapatero e advertindo que "as crises dos últimos meses evidencian o escaso nivel de competencias do goberno do Estado", pedindo abrir un debate ao respecto. "Isto non é un Estado, é outra cousa", dixo Rajoy.

O PSOE acusa de "frívolos" aos populares
"Mentres a Xunta daba a cara desde o primeiro momento, Núñez Feijoo, Rajoy e Louzán nunca estiveron á altura das circunstancias, e limitáronse a buscar rendementos políticos con frivolidades e mentiras", afirmou este martes o secretario de Organización do PsdeG, Ricardo Varela. "Só o PP se viu desbordado por esta crise, e reaccionou buscando a foto, sen aportar nada positivo, tentando entorpecer o traballo do Goberno", acusou Varela aos populares.

O líder socialista destacou que o executivo "actuou con transparencia" e gabou que os conselleiros de Medio Rural e Presidencia vaian comparecer diante do Parlamento este mesmo venres e o presidente da Xunta o próximo día 5. "Hoxe mesmo vén de aprobarse no Parlamento a constitución dunha comisión de estudo sobre os incendios", lembrou. Subliñou ademais que por vez primeira un presidente da Xunta se reuniu durante "cos alcaldes, representados pola Fegamp, durante unha situación desta magnitude".

"Mentres tanto o partido da mangueiriña perdeu os papeis e quedou descolocado ao ver a resposta inmediata que se lle deu aos incendios, en contraposición coa xestión nefasta á que o PP nos tiña afeitos en situacións de crise", retrucou Ricardo Varela sobre as críticas dos populares, aos que acusou de dedicarse unicamente "a facerse fotos nos incendios durante o tempo libre que lles quedaba entre corrida de touros e cruceiro pola ría".


Ligazóns

0/5 (0 votos)