Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
RIFA ENTRE BNG E PPdeG DESPOIS DA VAGA DE INCENDIOS

Entre a incompetencia e a irresponsabilidade: os obstáculos municipais para o labor de extinción

A paralización de obras en piscinas, campos de golf ou asfaltados urbanos abrira o primeiro gran momento de tensión entre os alcaldes do PPdeG e a consellaría de Medio Rural, malia que a propia Federación Galega de Municipios e Provincias, recoñecera despois que era necesario redeseñar o plan de investimentos. Os rexedores abriran outro enfrentamento cando a Xunta estableceu un novo sistema para a contratación das brigadas de apagalumes, tratando de evitar o longamente denunciando clientelismo na súa contratación e mirando pola profesionalización do servizo. En plena crise de incendios, desde o BNG critican agora que rexedores do PP levaron a súa "irresponsábel" actuación ao estremo de impedir a utilización de medios municipais para os traballos de extinción de lumes nos seus propios concellos.

- 07:02 29/08/2006
Tags:

O voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, lembraba na tarde deste luns que diante das acusacións insinuadas polo vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do Bloque, Anxo Quintana, a pasada fin de semana, sobre a presunta deslealdade de alcaldes do PPdeG na loita contra os incendios, houbo rexedores que "parece que se deron por aludidos", e citou entre outros aos de Cerdedo e Soutomaior, e ao propio presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e alcalde de Lalín, Xosé Crespo. Desde o Bloque aseguran tamén que a Xunta dispón de informes elaborados polo propio executivo anterior de Manuel Fraga, onde se recolle a recomendación de non asignarlles brigadas municipais a determinados concellos con goberno do PP pola súa "probada incompetencia" na xestión destas.

Aymerich afondou no que os nacionalistas cualifican de graves irresponsabilidades destes mandatarios e referiuse por exemplo ao alcalde de Barro, poñéndoo de exemplo da actitude dos alcaldes populares aos que acusou de "manter as motombombas pechadas baixo chave" en almacéns municipais mentres o lume zoupaba nos montes próximos. Ao tempo, Carlos Aymerich dixo agardar que a comisión parlamentaria sobre os incendios sirva tamén para a análise do acontecido. "O PPdeG usa as institucións onde goberna para facer oposición, politiquería barata e renuncia ás súas responsabilidades", denunciou o coordinador da executiva do BNG, Francisco Jorquera. Na súa opinión, durante a crise dos incendios o PP amosou unha actitude "irresponsábel e vergonzosa". Jorquera cualificou de "escándalo" os obstáculos postos por rexedores populares á loita contra o lume e criticou que o propio presidente da Fegamp, ao que definiu de "hooligan", alentase agora as críticas dos alcaldes do PP ao executivo.

Os nacionalistas galegos láianse por exemplo asegurando que houbo casos como o dun Concello coruñés do PPdeG que se negou no seu momento a asinar o convenio para o establecemento dunha brigada, e onde durante un incendio, efectivos municipais de Protección Civil renunciaban a levar material de extinción dicindo que "era deles" e argumentando que a Xunta non lles dera este ano brigada, resistíndose a enviar a motombomba municipal. O mesmo alcalde falaba despois con belixerancia para os medios criticando que a culpa de que o lume estivese preto das casas fora da ineficacia do operativo da Xunta. Desde o BNG inclúen tamén na denuncia a concellos pontevedreses gobernados polo PPdeG "onde non se permitiu a saída dos camións de bombeiros" ou mesmo se chegou a impedir que unha motombomba da Xunta cargase auga nunha piscina municipal.

Ao respecto da polémica, o secretario de Política Municipal do PsdeG, Manuel Lagares, renunciaba a entrar no enfrontamento e aseguraba que os socialistas "non comparten" as acusacións e que non teñen "nada que reprocharlles" aos alcaldes do PPdeG. Asegurou Lagares que os alcaldes "puxeron o mellor de si mesmos" para combater a vaga de lumes.


Ligazóns

0/5 (0 votos)