Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPARECENCIA NO CONSELLO DE COMUNIDADES GALEGAS

Eliminar discriminacións e converter os plans para a emigración en "política de país"

"É o momento de conferirlle aos galegos do exterior a relevancia que posúen, e iso esixe que a política de emigración teña a natureza de política de país, e polo tanto un valor estratéxico no desenvolvemento e na modernidade definitiva de Galiza", explicaba na súa intervención o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, ao tempo que presentaba o esquema do que será o Plan Estratéxico de Emigración 2006-2009.

- 07:33 25/08/2006
Tags:

Rodríguez destacou que se trata do "primeiro plan destas características feito por un goberno galego para responder ás especificidades e necesidades da realidade emigrante coa ambición e trascendencia que se enfrontan os retos estratéxicos dentro do territorio".

O proxecto repara en catro eixos: "a asistencia sociosanitaria para todos os galegos emigrantes en situación de vulnerabilidade; o funcionamento dos centros galegos como órganos democráticos e solventes; o recoñecemento de feito dos dereitos e deberes dos emigrantes, e a mocidade como potencial indispensable para o desenvolvemento de Galicia". O executivo busca especialmente responder a dous obxectivos, dun lado garantir o benestar dos galegos no exterior e dos seus descendentes, e doutro dotarlle aos centros galegos da capacidade de "xestionarse á marxe das axudas públicas".

De xeito específico, no eido sociosanitario, prepárase un incremento de axudas asistenciais individuais do fixo de 300 euros por persoa e ano a un máximo posíbel de 900 euros, para o que se priorizará aos que estean en situación de especial necesidade. Converter os centros do exterior en "órganos democráticos e solventes" é outra prioridade, mirando polo desenvolvemento de "pautas democráticas" que erradiquen a discriminación por motivo de xénero ou idade, a captación de novos talentos no eido cultural e empresarial a través das entidades, e "a procura de centros autosustentábeis con capacidade par xerar actividade".

En números, a memoria económica deste Plan Estratéxico fixa para este mesmo 2006 un orzamento que incrementa nun millón de euros as cantidades asignadas hai un ano, establecendo 4.5 millóns de euros para os programas dedicados á cidadanía galega residente no exterior e 2.5 millóns euros para os programas a executar sobre os centros galegos.


0/5 (0 votos)