Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMPARECENCIA NO CONSELLO DE COMUNIDADES GALEGAS

O PP di que o goberno español prioriza os inmigrantes e esquece os emigrantes

"Nestes momentos en que España está asumindo unha atención prioritaria aos inmigrantes é necesario non esquecer os homes e mulleres grazas aos que Galiza existiu no mundo e que fixeron do noso pobo unha cultura forte", sinalou Aurelio Miras, voceiro de Emigración do PPdeG. Miras pediulle ao goberno estatal que reforce a súa atención aos emigrantes, "xa que é o único que ten competencias para isto", e advertiu que non deben converterse "en cidadáns de segunda".

- 07:07 25/08/2006
Tags:

O representante do PpdeG reparou especialmente nos temas asistenciais, considerando que os emigrantes galegos "están vivindo unha situación de desamparo por mor da mala xestión das administracións". Concretamente, falou do asunto das pensións, explicando que os galegos residentes no extranxeiro están vendo reducidas "de maneira substancial" estas prestacións, que quedan equiparadas en moitos casos "ás dos países onde residen". "Esta situación lévaos a convertelo en cidadáns de segunda, con menos dereitos que os cidadáns residentes no territorio español", opinou.

Miras Portugal destacou tamén a necesidade de que os emigrantes "computen a nivel de financiación autonómica, xa que de feito son as comunidades autónomas as que están dándolles asistencia, debido ao abandono de funcións do goberno do Estado". Por outro lado, referiuse ao "importante papel xogado polos centros galegos no exterior como axentes pioneiros e imprescindibles no proceso de pervivencia dos elementos culturais e de axuda a colectividade". O representante do PP reflexionou que as potencialidades destes centros non estarían sendo aproveitadas, desbotando "coñecementos" e "mecanismos de actuación" pioneiros. Por último, salientou tamén a proposta de que se amplíen medios para a formación cultural de mozos e descendentes de emigrantes galegos, "coa fin de acadar unha extensión maior da galeguidade nos países onde estes residen".


0/5 (0 votos)