Do potencial da emigración e os seus descendentes como vía para a "proxección exterior de Galiza", falou Marisol Soneira, a representante dos socialistas galegos no Consello de Comunidades. Soneira explicou que o salto cualitativo necesario nas políticas de emigración debe contemplar por iso que hai que ir "máis aló das cuestións asistenciais".
Marisol Soneira, secretaria de Políticas Migratorias do PsdeG, indicou que o deseño dunha carta de deberes e dereitos para a emigración vai garantir a igualdade dos cidadáns galegos no exterior. A voceira socialistas referiuse moi especialmente á necesidade de políticas que vaian máis aló dun labor simplemente asistencial e aproveiten as potencialidades dunha comunidade exterior vizosa como factor de proxección para o país.
Comentou ademais a importancia de estender aos descendentes dos emigrantes o recoñecemento da súa galeguidade. O PsdeG maniféstase tamén a prol do avance en mecanismos legais que favorezan a participación electoral dos galegos que viven noutras comunidades.