Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
LOGO DA VAGA DE INCENDIOS

As axudas priorizarán prácticas cara ao cambio nas estratexias forestais

Desenvolver un conxunto de iniciativas que comprometa a todos os departamentos da Xunta na axuda aos sectores afectados pola vaga de incendios dos pasados días é obxectivo da reunión extraordinaria este xoves do Consello da Xunta. O balanzo da situación, coa avaliación do impacto en todas as áreas, será prioridade desta xuntanza, á que complementará un novo consello extraordinario a próxima semana. O primeiro decreto de medidas urxentes evitará indemnizacións por madeira queimada e destacará a atención a proxectos de reforestación e limpeza dos montes.

- 07:09 24/08/2006
Tags:

Cada unha das consellarías do goberno galego presentará este xoves o seu respectivo informe diante da situación acontecida en Galiza nas pasadas semanas, informes que servirán para a definición do proxecto coordinado de atención aos afectados pola vaga de lumes.

Destacará o estudo realizado pola consellaría de Medio Rural, que avalía polo miúdo o acontecido, tanto respecto ao despregue dos medios contraincendios como ás características específicas dos incendios e os problemas e eivas detectados. Doutra beira, agárdase tamén a avaliación do impacto económico para os diversos sectores implicados. As axudas proxectadas haberán de cubrir a xeito individual aos afectados, de modo xeral impulsar compensacións para os sectores que máis dano sufriron, e tamén establecer axudas a nivel das admnistracións locais. Incluiranse así axudas para a recuperación das actividades e sectores económicos afectados, indemnizacións para os familiares dos falecidos a causa do lume; axudas para os afectados pola perda de bens inmobles e medidas de recuperación de infraestruturas e servizos locais danados. Lembrámoslles que este venres haberá unha reunión do Consello de Ministros de onde se agarda outro conxunto de medidas ao respecto.


0/5 (0 votos)