"É a nosa terra a que vimos defender", afirmou Adela Figueroa, presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, na súa intervención na Praza da Quintana. "Saúde, terra e monte: Monte Vivo", subliñaba a continuación Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Montes en Man Común. "Hoxe, coma onte, coma mañá e coma sempre: Lumes Nunca Máis", pechou contra a fin do acto a cantante Uxía Senlle. Foron voceiros da Plataforma Nunca Máis este domingo, pero a eles uníronse as voces fortes de arredor de corenta milleiros de cidadáns que encheron as rúas da cidade á beira do lema desta convocatoria: "Galiza contra o lume. Paremos o terrorismo incendiario. Por un cambio nas políticas para o noso monte".
"Desde a plataforma Nunca Máis entendemos que era precisa unha resposta contundente por parte da sociedade galega. Resposta que se debía dar tamén desde a mobilización social, diante dun desastre de dimensións nacionais que lle afecta ao conxunto do noso pobo. Nunca Máis chamou a unha mobilización, a esta manifestación, convencida da necesidade e oportunidade do berro Lume Nunca Máis", recolleu o manifesto lido por Uxía Senlle. Corenta mil persoas, segundo a avaliación dos organizadores, vinte mil segundo a policía local, marcharon entre a Alameda e a Praza da Quintana, en Santiago de Compostela.
Triple obxectivo da convocatoria
Amosar que a sociedade galega "non ampara estas prácticas de terrorismo incendiario, senón que as rexeita, repudia e combate" era a primeira meta desta mobilización, subliñando que debe loitarse para que "non haxa impunidade" e os responsábeis de prenderlle lume aos montes paguen por esas accións.
En segundo lugar, Nunca Máis quixo amosar a súa solidariedade coa xente que "sufriu directamente a barbarie, que viu afectados os seus montes, as súas terras de labor, os seus cultivos, viñas e casas". A plataforma estende a solidariedade a todos os que traballaron estes días profesional e solidariamente para combater os lumes e especialmente tamén ás catro persoas que faleceron nos incendios e ás súas familias.
O terceiro obxectivo da convocatoria foi "conscienciar á sociedade da necesidade dun cambio de rumbo nas políticas para os nosos montes e o noso medio rural". Cara a ese futuro, a marcha quixo destacar a súa vontade de "presionar aos poderes públicos para que isto sexa así". "Hai que desenvolver unha política para os nosos montes que teña como obxectivo a preservación e valorización do noso monte", inclúe o manifesto.
Nunca Máis pide unha comisión parlamentaria
Pasada a crise das últimas semanas, a Plataforma Nunca Máis propón que os grupos parlamentarios acorden no prazo máis axiña posíbel a creación dunha comisión parlamentaria que "debe estudar e analizar o acontecido estes días". O foro daríalle voz "aos sectores implicados e directamente afectados", ofrecendo unha explicación "rigorosa" do acontecido.
E por isto que o colectivo solicítalle ás formacións políticas que aparquen a confrontación partidaria para consensuar "solucións a curto, medio e longo prazo", que atendan non só á causas inmediatas, senón "á raíz do problema". "Se temos claro que as últimas décadas estiveron marcadas por unha errada política agraria e forestal, igualmente temos que ter claro que é necesaria, urxente e imprescindíbel mirar por unha mudanza de fondo na política desenvolvida", pide Nunca Máis. A plataforma cidadá advirte ademais que esa viraxe política debe ser consensuada para que estea garantida "independentemente de quen ocupe o poder político" no futuro.
A recuperación como camiño a outra estratexia para o rural
"Aínda que desaparecesen da nosa paisaxe os incendios e aínda que a chuvia volvese, o noso monte quedou ferido, e hai que recuperalo". Nunca Máis advirte que a activación dos mecanismos para a recuperación "con racionalidade" dos montes arrasados, necesita tamén de axudas económicas, pero a plataforma avisa que isto "non debe servir para seguir agrandando a industria do lume, senón para implicarse noutras prácticas ambientais e noutra política para o medio rural".
No mesmo sentido falou Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Montes en Man Común, quen advertiu que "os incendios non son unha praga bñiblica, senón o resultado de erradas políticas agrarias e forestais". Pereira insistiu en que "este non é un problema só dos propietarios dos montes" ou da xente do rural, senón un problema "de toda a sociedade, un problema de país". Na súa opinión, a propiedade veciñal tén en si mesma "un concepto de sustentabilidade" e defendeu que a loita contra os lumes e a defensa do medio ambiente "non debe ter padriños privados" que contribúan a alimentar o problema. "Hai que ir cara a unha nova política de montes radicalmente diferente e que non sexa unicamente forestalista", dixo Xosé Alfredo Pereira, louvando que o novo goberno iniciase algúns pasos, pero chamando a acelerar a viraxe: "hai que esixirlle ao goberno que actúe xa: hoxe mellor que mañá".
"Onte foi o mar, hoxe os montes"
"Cómpre un gran pacto social que sirva para mudar unha política que se amosou nefasta", pediu a presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, primeira en intervir este domingo no acto celebrado na Praza da Quintana ao peche da manifestación que recorreu as rúas de Santiago.
"O monte non arde se non se lle prende lume", recolle o manifesto que a Adega redactou para este día, facendo repaso dalgúns dos intereses relacionados: "conflitos de uso (a caza, o pasto, a gandeiría, os danos do lobo, etc); conflitos de propiedade; comercio da madeira; recalificacións urbanísticas; infraestruturas, etc. Todas elas, -incluída a industria do lume creada arredor da política de extinción, han de ser consideradas en calquera investigación sobre a causalidade dos incendios".
"Non hai lei de probabilidade que poda explicar tal proliferación de incendios concentrados exclusivamente na parte máis povoada do territorio, cun lume que empeza arredor das zonas máis urbanas e povoadas, con varios focos de lume simultáneos que de seguida se convirten nun incendio incontrolado e cunha sofisticación de artefactos incendiarios que nunca antes tiñan aparecido", subliña Adega.
Voces contra o lume
Algúns dos lemas que berraron os cidadáns este domingo:
"Abandono do rural, incendio forestal!"
"Non máis lumes!"
"Mercenarios incendiarios!"
"Máis prevención, menos extinción!"
"Incendiario terrorista, eucalipto gasolina!"
"Todos xuntos contra o lume!"
"Plantar eucalipto ten que ser delicto!"
"Incendiario, de quen eres sicario?"
"Hai que acabar co terrorismo ambiental!"
"Nunca Máis lumes na Galiza!"
"Os incendiarios quen son? Os que queiman a nación!"
"A culpa de quen é? Dos vinte anos do PP!"
"Ence fóra de Galiza!"
"A quen beneficia que arda Galiza?"