"É a nosa terra a que vimos defender", afirmou Adela Figueroa, presidenta da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Adega, na súa intervención na Praza da Quintana. "Saúde, terra e monte: Monte Vivo", subliñaba a continuación Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Montes en Man Común. "Hoxe, coma onte, coma mañá e coma sempre: Lume Nunca Máis", pechou contra a fin do acto a cantante Uxía Senlle. Foron voceiros da Plataforma Nunca Máis este domingo, pero a eles uníronse as voces fortes de arredor de corenta milleiros de cidadáns que encheron as rúas da cidade á beira do lema desta convocatoria: "Galiza contra o lume. Paremos o terrorismo incendiario. Por un cambio nas políticas para o noso monte".