"Non podemos quedar indiferentes diante do que está pasando", pedía esta mesma semana Uxía Senlle, unha das voceiras de Nunca Máis, chamando a erguer as voces en "defensa da riqueza dos bosques galegos e do noso patrimonio natural". Unha ampla representación dos centos de asociacións ecoloxistas, partidos políticos ou sindicatos que no seu momento xa apoiaron á plataforma cidadá, animan aos galegos a participar na marcha que sairá este domingo ás 12h da Alameda de Santiago e rematará na praza da Quintana. A CIG, UXT-Galiza, Amarante, Adega, Esquerda Unida ou Galiza Nova, son algúns dos colectivos que xa chamaron publicamente á mobilización dos cidadáns. A manifestación percorrerá as rúas compostelás baixo o lema "Galiza contra o lume, paremos o terrorismo incendiario, por un cambio nas políticas para o noso monte".
A asociación para a cooperación e o desenvolvemento Amarante é unha das organizacións que secundan a mobilización do próximo domingo. Segundo o colectivo, as políticas agrarias de abandono do rural e peche de explotacións e as políticas forestais de monocultivo e presión urbanística son as causantes das reiteradas vagas de lume que asolan desde hai décadas a nosa comunidade. Amarante subliña que "é fundamental a participación social na loita contra os incendios" e tamén unha mobilización social que lle esixa ás autoridades maiores compromisos e lle urxa á detención dos responsábeis.
Pola súa parte, a UXT-Galiza tamén chama a participación na manifestación e fai fincapé na labor desenvolvida polos traballadores forestais que, segundo o sindicato, foron capaces de salvar "infinidade de casas e vidas". A UXT cre que é necesario o desenvolvemento de novas políticas de prevención e de atención ao medio rural.
Galiza Nova, organización das mocidades do BNG, sumábase este venres á convocatoria, e o seu secretario xeral, Xosé Emilio Vicente, afirmaba que "Galiza sufriu durante máis dunha década políticas que converteron o noso medio rural nunha polvoreira". Vicente asegurou que a campaña de lumes chega nun momento concreto no que "o cambio da dirección do país se encamiña cara unha nova política forestal, medioambiental e urbanística, co obxectivo de atacala". Nesa liña, Galiza Nova considera de vital importancia a mobilización e expresión na rúa do "repudio ao terrorismo ambiental, así como a necesidade dun cambio de políticas no noso monte".
A Confederación Intersindical Galega considera que toda a cidadanía galega está afectada pola vaga de incendios, xa que o lume incontrolado "ameaza con converterse nun desastre ambiental para o monte, en primeiro lugar, pero tamén para os ríos e as rías de Galiza". O sindicato cre que é necesario facer saber que o terrorismo incendiario conta coa "repulsa unánime e contundente" de todo o país.
Tamén desde Esquerda Unida entenden que a cidadanía galega debe responder da forma máis unitaria posíbel á magnitude da catástrofe medioambiental. Segundo esta organización política, que lle pide aos galegos que saian á rúa este domingo en Compostela, "Galiza non pode seguir con esta lacra de forma permanente como vén sucedendo dende hai corenta anos sen que ningún goberno tome cartas no asunto e se o fai é unicamente dende o punto de vista da extinción e, polo tanto, obviando o máis importante a prevención".