Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓN O PRÓXIMO DOMINGO 20 DE AGOSTO ÁS 12H EN SANTIAGO

Nunca Máis convoca os cidadáns a "unha resposta social contundente" contra os incendios

"Non podemos quedar indiferentes diante do que está pasando", afirmou a cantante Uxía Senlle en nome da Plataforma Nunca Máis, advertindo que "hai outros lumes que extinguir" e pedindo erguer as voces en "defensa da riqueza dos bosques galegos e do noso patrimonio natural". Tamén voceiro do colectivo, Rafa Villar, subliñou que os cidadáns piden "expresar o seu repudio e a rabia reivindicativa" fronte ao que está pasando. No mesmo acto, Xosé Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, louvou a convocatoria e insistiu en que os cidadáns deben tomar consciencia "da función social do monte" e Daniel Vispo, secretario xeral de Adega, chamou a "reaccionar" fronte ao ataque aos recursos naturais do país.

- 11:20 14/08/2006
Tags:

"Hoxe, igual que na maré negra do Prestige, todos e todas, da cidade ou do rural, do interior ou do mar, estamos sendo afectados e agredidos por esta vaga de lumes; todos e todas estamos a sufrir os impactos dun lume incontrolado que está a destruír a riqueza e potencialidades do noso monte e que ameaza con converterse nun desastre ambiental para o monte, en primeiro lugar, pero tamén para os ríos e as rías de Galiza". Así o recolle o manifesto co que a Plataforma Nunca Máis comunica formalmente a súa reactivación e anuncia a convocatoria dunha manifestación para o próximo domingo día 20 de agosto, ás 12h, na Alameda de Santiago de Compostela.

Reactivación da plataforma
"O espírito de Nunca Máis perdura na xente, e del nace a necesidade de mobilizarse e facelo con contundencia", subliña Daniel López Vispo, secretario xeral da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza.

"É unha reactivación obrigada pola conmoción social que motivou esta vaga de lumes", explica Rafa Villar, voceiro do colectivo, "diante diso a sociedade non pode calar, e nós desde este espazo de mobilización e reivindicación aberto ao fío da crise do Prestige, queremos darlle agora o protagonismo á xente do rural, igual que daquela se fixo coa xente do mar". Villar relata que a plataforma escolleou o cualificativo "terrorismo incendiario" para referirse ao que está acontecendo, malia que "non nos compete a nós falar de tramas organizadas, pero si podemos falar de prácticas e modos novidosos, que contribúen a devastar os nosos montes, e á vez veñen agora a ameazar casas, vías de comunicación, e cultivos".

"Hai que destacar o labor cidadán realizado a través do voluntariado, aínda que agora a diferencia de co Prestige a extinción dos lumes ten riscos engadidos, pero ademais desa mobilización en clave solidaria e tamén necesaria unha mobilización en vlave reivindicativa, que lle permita aos cidadáns expresar o seu repudio e a rabia reivindicativa" fronte a esta vaga de incendios, indica Rafa Villar, apuntando que á manifestación do día 20 lle seguirán outras actividades e salientando que xa se está reactivando a rede de colaboración entre as asociacións e colectivos que no seu momento traballaron a pé da plataforma cidadá.

Lumes Nunca Máis
"Facemos un chamamento amplo, aberto e sen exclusións", afirma Rafa Villar, "para amosarmos que estamos fronte á barbarie". A convocatoria, xa que logo, resúmese na frase "Lumes Nunca Máis", pero recolle un triple lema, "Lume Nunca Máis. Paremos o terrorismo incendiario. Por un cambio de rumbo nas políticas para os nosos montes", e os convocantes queren insistir na inclusión dunha dimensión de rexeitamente fronte ás prácticas dos incendiarios, de solidariedade coa xente que máis de preto está sufrindo a vaga de lumes, e de concienciación: "a sociedade ten que implicarse e entrar no debate, e falar en favor do noso medio natural, porque iso nos define colectivamente". "Se non se fai un esforzo por sacar cousas en positivo e tomar leccións para o futuro, todo o esforzo destes días contra o lume non valerá de nada", advirten desde Nunca Máis.

Na mesma liña, explica a cantante Uxía Senlle que Nunca Máis quere apelar á xenerosidade da sociedade galega para sumar voces en defensa do patrimonio natural galego, a prol do esclarecemento de incógnitas, e en favor de novas políticas para o monte.

A función social do monte
"No último Congreso da nosa asociación, o lema era Situar o monte galego na sociedade", lembra Xosé Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, referíndose ás 645 mil hectáreas de montes veciñais que hai en Galiza en laiándose de que unha das eivas tradicionais "é que semella invisíbel". Pereira explica que é necesario un cambio cualitativo da situación, gaba a convocatoria de Nunca Máis como camiño para o labor de concienciación social e lembra que nos últimos meses, "xa se viron cambios nas políticas" logo de "décadas de abandono do agro e do monte, para o que só se potenciou a faceta florestalista". "Hai que buscar o consenso, facilitar a participación de todos os sectores implicados e conseguir un monte multifuncional, ou doutro xeito o monte non terá futuro", avisa, explicando que o problema pode resolverse a medio prazo con estratexias en favor dun "monte vivo e multifuncional".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: