Desde o PPdeG non consideran abondo a constitución dun gabinete de crise na Xunta, e piden que ese órgano estea coordinado por un vicepresidente do executivo estatal. Coincidindo coa visita do presidente español, Alberte Núñez Feijoo e Mariano Rajoy, líderes respectivos dos populares galegos e españois, solicitaron que se constituíse ese órgano de emerxencia liderado por un responsábel do executivo estatal e polo presidente da Xunta. "Non se lle pode deixar só a un conselleiro nestes momentos, porque este é un problema de todo o país", afirmou Feijoo.
De paso, Feijoo teimou en que "o operativo está desbordado e é imprescindíbel tomar conciencia do que está pasando". "A situación está claramente descontrolada", opinou. O líder do PPdeG indicou que de atendérense as súas propostas ofrecerá "a máxima colaboración e lealdade". Segundo Feijoo "é falso que este ano estea habendo máis incendios que en 2005". Na súa opinión "o que pasa é que o lume avanza porque non se apaga ben".
O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, afirmou referíndose a Touriño que Galiza ten "un presidente que só interrumpe as súas vacacións cando vén un membro do goberno central, e que segue a dicir que a situación está baixo control e que lle recomenda aos galegos unha actitude de serenidade activa, que non sabemos o que significa, pero que sería bo que llo explicara a todos os galegos, incluído a aqueles que ven cómo o lume lles chega as súas casas". Doutra beira, o deputado ourensán Roberto Castro, opinou que "Galiza vive a mesma situación que noutros anos, como o constatou nestes días o xefe da área de defensa contra incendios do ministerio de Medio Ambiente". "Non é verdade que se provoquen lumes a carón das vivendas, senón que a realidade é que chegan ás vivendas porque non se apagan", asegurou.
Por outra parte, os populares presentaron unha proposición non de lei para que o Parlamento lle inste á Xunta a aprobar, entre outros, nun prazo de dez días, un procedemento urxente no que se concreten as medidas económicas necesarias para facer fronte ás perdas sufridas polos veciños; indemnizar as perdas causadas por mor da imposibilidade de desenvolver actividades profesionais e empresariais; aboarlle ás corporacións locais e aos particulares os gastos extraordinarios nos que tiveran incurrido por mor das tarefas de extinción dos lumes e para a creación dunha unidade policial especial despregada permanentemente en Galiza, ao obxecto da investigación de delictos relacionados co lume forestal.