"Lume Nunca Máis. Paremos o terrorismo incendiario. Por un cambio de rumbo nas políticas para os nosos montes". Con ese triple lema, a comisión xestora da Plataforma Nunca Máis anuncia a reactivación da plataforma cidadá e a convocatoria dunha manifestación en Santiago de Compostela para o domingo 20 de agosto ás 12h. Moitos dos integrantes do colectivo xa veñen participando nas concentracións que estes días tiveron lugar en varios puntos do país e agora traballan para a reactivación da rede de colaboración entre centos de asociacións de todo o país e fai un chamamento á sociedade galega a mobilizarse activamente contra o terrorismo incendiario.
"Diante da conmoción social que vive o país, desde Nunca Máis viñamos cavilando xa neste paso e de feito, moitos membros da Plataforma viñeron participando xa nas convocatorias que espontáneamente xurdiron en días pasados". Así o explica para Vieiros un dos voceiros do colectivo, Rafa Villar, indicando que a primeira decisión foi a convocatoria desa manifestación para o próximo domingo 20 de agosto ás 12h en Santiago de Compostela.
"O lema para ese día recolle tres ideas básicas, Lume Nunca Máis, por outro lado, Paremos o terrorismo incendiario, algo fundamental visto o modus operandi detectado nos lumes deste verán, e unha terceira parte que se refire á necesidade dun cambio nas políticas forestais e agrarias das últimas décadas, o cerne da cuestión, algo unha vez pasen estes días haberá que tratar co tempo que necesita, sabedores de que é o elemento central", reflexiona Rafa Villar.
O voceiro de Nunca Máis subliña que no comezo do mes, a situación semellaba ser "a típica lacra de incendios que zoupa todos os anos nos montes", pero que ao pouco viuse que isto non estaba sendo "a campaña habitual de incendios", vistas as as características especiais e as prácticas e os lugares de actuación dos incendiarios. Diante desta situación, Rafa Villar salienta a vontade e o potencial de Nunca Máis como movemento social para sumar a voz dos cidadáns. "Esta primeira manifestación debe cumprir dous obxectivos básicos: facerlle sentir á xente que Nunca Máis está aí e que servirá para erguer a voz e facer unha demostración de forza contra aos incendiarios, e por outro lado, e fronte ao que ás veces é a sensación de pánico e inseguridade, para poñerse á beira dos afectados, amosar a solidariedade cos que máis de preto sofren o que está pasando", defende o representante da Plataforma Nunca Máis.