Opinou Manuel Fraga este martes que seica nos últimos tempos "onde hai gobernos divididos como o famoso tripartito en Cataluña ou o bipartito aquí, é onde hai máis lumes". En declaracións recollidas pola Cadena Ser, o ex presidente da Xunta afirmou tamén que o goberno de coalición que liderou a Xunta deica 1989 tamén fracasara na loita contra os incendios e minimizou a vaga de lumes que prenderon en Galiza durante os anos do seu goberno. "Desde logo, hai xente para todo e xente que prende lume, e en moitos casos o que causa as lapas son neglixencias, pero o certo é que cando os gobernos están divididos hai máis incendios", dixo.