Un mozo de 24 anos de Cerdedo, un home vigués en Soutomaior e unha terceira persoa no concello coruñés da Baña foron os tres detidos neste serán en Galiza acusados de meterlle lume ao monte. O detido de Soutomaior foi apreixado polos veciños cando tentaba prender o incendio, e logo entregado ás forzas de seguridade. Porén, o mozo de Cerdedo, que fora detido e de quen a CNN anunciara que pertencera noutros anos ás brigadas de extinción, xa foi posto en liberdade.
A garda civil detivo un mozo de 24 anos en relación co incendio de Cerdedo e Cotobade, un dos máis importantes destes días: cobrou a vida de dúas mulleres, de centos de hectáreas de monte e aínda segue activo. A detención produciuse, segundo a garda civil, grazas á colaboración cidadá. O mozo, do que se lle coñecen as iniciais A.J.S.S., prestou declaración na tarde do luns. A última hora informouse da súa posta en liberdade polo xuíz, logo de prestar declaración. A CNN afirmara nun parte de última hora que o mozo de Cerdedo era un ex-traballador das brigadas de extinción.
Por outra parte, no concello da Baña e logo de que varias testemuñas visen saír a unha persoa do lugar onde se iniciaron varios lumes, a Garda Civil detivo ao presunto incendiario, veciño da parroquia de Suevos, no propio concello. R.S.C., de 36 anos de idade, foi denunciado polos veciños como presunto autor de diversos lumes provocados na zona durante as últimas semanas. Logo de prestar declaración, pasará a disposición xudicial o próximo mércores.
A actuación dos veciños tamén foi clave no caso de Pazos de Borbén, onde os veciños mesmo sorprenderon a un individuo no momento en que trataba de provocar novos focos de lume. Así, veciños da zona retiveron a esta persoa, e trasladárona posteriormente cara a un axente forestal, e finalmente até a Garda Civil, onde prestaba declaración a última hora deste luns, acusado tamén de prenderlle lume a montes de Soutomaior.
Dende a Consellaría do Medio Rural manterase o operativo de coordinación coas forzas de seguridade para continuar cos labores de vixilancia e control, co obxectivo de evitar novos incendios nestas zonas. No que vai de ano producíronse unha cincuentena de detencións en relación cos incendios forestais.