Diante da proposta do Ministerio de Industria para captar concellos susceptíbeis de albergar o Almacén Temporal Centralizado (ATC) para os residuos radiactivos das centrais nucleares españolas, Adega manifesta o seu rexeitamento. Segundo a organización ecoloxista, esta proposta agocha a intención de desentendérense as centrais nucleares da xestión dos refugallos mentres seguen a obter cada vez meirandes beneficios a costa da cidadanía. A solicitude de concellos coma o de Peque para albergaren esa planta almacenadora garantiría esa actitude empresarial.
Adega entende que, neste momento, e despois de ter aprobado o pasado 23 de xuño o VI Plan Xeral de Residuos Radiactivos así como a constitución dunha comisión interministerial para promover o Almacén Temporal Centralizado, esta deberá ser a que o poña en marcha, sen esquecer o establecemento dun calendario para o abandono da enerxía nuclear antes de decidir sobre o almacenamento centralizado dos refugallos. Até que non chegue esa decisión, "deben ser as nucleares as que como até de agora, se sigan facendo cargo da xestión dos seus propios refugallos" de xeito que se almacenen onde se produzan e evitando o trafego de materiais radiactivos.
En canto á oferta do concello de Peque (Zamora) para a ubicación neste termo municipal do Almacén Centralizado de residuos radiactivos, Adega afirma "entender a preocupación do Sr. Alcalde" por mellorar a calidade de vida e o nivel de emprego de todos os habitantes do concello, se ben, explican que "non podemos aceptar que elo se faga a conta de pór en risco a seguridade e a saúde pública" de todos e todas para que, a cambio, as grandes empresas da enerxía nuclear podan seguir acumulando máis beneficios. A organización ecoloxista aconsella ao rexedor de Peque a procura "doutras oportunidades de desenvolvemento". A proposta apóiana co convencemento de que "pode contar con todo o apoio dunha cidadanía galega" que xa nos anos 80 se mobilizou masivamente en contra dos vertidos radiactivos na fosa atlántica, conclúen.
Esta iniciativa do Ministerio ten como antecedente a decisión tomada o 14 de decembro de 2004 pola Comisión de Industria do Congreso dos Deputados que instaba ao goberno á construción dun Almacén Temporal Centralizado (ATC) para os residuos nucleares de alta actividade e longa vida (os emitidos polas centrais nucleares). Até o de agora, o combustíbel gastado e demáis residuos de alta actividade están sendo depositados nas piscinas que posúe cada central nuclear (Almacenamento Transitorio Individual, ATIs), mentras que os de baixa e media actividade se almacenan nas instalacións que ENRESA xestiona en El Cabril (Córdoba).
Rematan os prazos
No ano 2000 entrou en funcionamento o cemiterio nuclear de Trillo (Guadalaxara) e xa hai un proxecto de ATI que se pechou este ano para a central de Zorita. Namentres, os refugallos de alta actividade de Vandellós I (Tarragona) que se enviaron a reprocesar a Francia tralo accidente de 1989 terán de volver a España antes de 2011, baixo multa de 57.000 euros por cada día de retraso. Isto significa que para entón ten xa que estar habilitado algún xeito de facerse cargo destes refugallos, ou o que é o mesmo, debería funcionar o novo ATC. Tamén no 2009 e 2010 expiran os permisos provisionais de explotación de Garoña (Burgos) e Almaraz (Cáceres) e prevese que no 2013 encherase a piscina de combustíbel gastado de Ascó I (Tarragona).
Á cercanía do remate dos prazos de almacenamento dos refugallos das actuais centrais nucleares hai que sumar o feito de que até o final da vida útil das plantas nucleares, un total de 176.000 m3 e 19.571 toneladas de elementos combustíbeis (6.774 toneladas de U) ocupando un volume de 12.800 m3 son as previsións que Adega estima que se produzan ademais das existentes. Diante dunha cantidade tal, a necesidade deste almacén para sustancias de longa vida faise cada día máis visíbel malia que a construcción dese depósito debería vir dun acordo entre as plantas e dunha xestión responsábel, no canto de traspasar esta competencia a unha cidadanía á que non lle corresponde ao que ademais engaden "importantes compensacións en dotacións e infraestruturas, postos de traballo ou beneficios económicos".
Adega insiste en que, mentres non se produza o peche das plantas nucleares, unha xestión desde as propias centrais permitirá un almacenamento accesíbel, "o que facilitará a inspección e o mantemento", ademais da vixiancia para detectar inmediatamente calquera eiva un acceso inmediato a ditos refugallos. A industria nuclear deberá afrontar os custos totais derivados da xestión dos refugallos e do eventual desmantelamento das centrais. O colectivo ecoloxista afirma que a cidadanía non ten por que pagar esta fatura, "que na actualidade repercute no noso recibo eléctrico, violando o principio de quen contamina, paga".