Repetidas veces me preguntan se non temos unha oficina en Addis. Aí é onde traballan as etíopes ricas que cobran soldos de Europa por dedicarse en moitos casos a un novo tipo de burocracia. Reméxeme o estómago, coma sempre. Entrementres, as ONGs locais sobreviven como poden con poucos medios facendo un excelente traballo de base en moitos casos. Por iso novamente ante a pregunta cada vez contesto con máis convicción que nin temos oficina en Addis nin a imos ter nunca. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía, onde traballa en actividades de cooperación.
Felicidade occidental
Ducha en auga fría na que vexo o meu bafo reflectar nas paredes de latón da latrina onde só os meus ancestros da montaña me recordan que hai pouco en Galicia era habitual esta experiencia conxelante que reactiva a circulación e o que non o é. Preparación do xantar. O almorzo. Preparar a bolsa. Todo listo. Addis ás sete da mañá é un lugar húmido que vexo pasar por diante dos meus ollos dende a xanela do minibus (o medio de transporte habitual da cidade). Na rúa están os corpos mollados, tirados na beirarrúa chea de pozas, de nenas e nenos, de persoas de todo tipo, algunhas vendendo algo, outras pedindo sen máis. Pregúntome agora onde está aquel mito de "son pobres pero felices". Resúltame un cliché atorrante e colonial (que evita a nosa responsabilidade, se son felices, para que imos facer nada?) onde a felicidade se mide por uns parámetros tan estúpidos (o sorriso, normalmente... e se rin de nós, brancos, porque lles resultamos ridículos?) que me encarraxan. Nas rúas de Addis nin sequera sería posible porque as caras non sorrín. Porque vai frío e as nenas non teñen zapatos. Porque o frío non se saca do corpo cun sorriso, en calquera caso. Porque todo o que hai ao redor cuspe á cara que non hai onde refuxiarse. Só na xustiza pode haber felicidade.
Día da Patria... onde queira que estea
Malia ao feito de que o goberno etíope eliminou o servizo de mensaxes de móbil dentro do país eu aínda son capaz de recibir noticias a través del (por pouco tempo, na montaña non funciona liña ningunha de teléfono nin electricidade). Como unha buguina nun país sen costa chégame a felicitación de Marga polo día da patria. Penso nas manifestacións, en estar sempre aí estando lonxe. Eu, que son de poucas celebracións, teño dous días únicos no ano que non esquezo: o 25 de xullo e o 8 de marzo. Significan demasiado os esforzos que encarnan como para deixalos atrás. Cos pés en Etiopía, ou na India, ou en Compostela, ou en Vigo entendo cada paso como parte do mesmo movemento, ese que leva tantos pasos atrás e tantos aínda por diante. No traballo colectivo, coa mente aberta, tentando romper definicións que encorsetan. Que sexan todos días da patria, da propia e da dos demais pobos que tanto a precisan, dunha que defenda verdadeiramente a xustiza para todas.
ONGs e ONGs
Pouco a pouco vou comprendendo este novo concepto ou división. É unha nova división das ONGs (á parte daquelas que xa coñecía: confesionais e aconfesionais, de acción social ou desenvolvemento, de primeira, segunda, terceira ou cuarta xeración...) existente en Etiopía: ONGs locais e ONGs internacionais. A definición ten pouco que ver coa súa situación xeográfica (todas elas teñen oficinas en Addis), máis ben as definen a falta ou exceso de recursos e en xeral a actitude cara ao traballo. Repetidas veces me preguntan se non temos unha oficina en Addis. Aí é onde traballan as etíopes ricas que cobran soldos de Europa por dedicarse en moitos casos a un novo tipo de burocracia. Reméxeme o estómago, coma sempre. Entrementres, as ONGs locais sobreviven como poden con poucos medios facendo un excelente traballo de base en moitos casos. Por iso novamente ante a pregunta cada vez contesto con máis convicción que nin temos oficina en Addis nin a imos ter nunca. O noso traballo consiste en apoiar ás organizacións dos países a facer o traballo de verdade, en crear unha solidariedade entre a sociedade civil dos dous lados deste mundo partido e tan mal repartido. A burocracia para quen a queira.
Anteriores: