"Sería acoller unha herdanza mortal para os veciños e as xeneracións futuras, condenados a acoller uns residuos radiactivos cunha perigosidade que persistirá durante ducias de milleiros de anos e para os que non existe solución técnica satisfactoria en ningún país do mundo", advirten desde o colectivo ecoloxista Greenpeace ao fío do anuncio do alcalde da localidade de Peque. A asociación pídelles aos veciños que lle obriguen ao rexedor a retirar a oferta.
"A actitude de Enresa é indigna, ofrecéndolles cartos para que acollan o cemiterio nuclear vai atraer os concellos máis necesitados de fondos aínda que teñan que esquecerse para sempre un futuro sustentábel", declarou Sara Pizzinato, responsábel de enerxía e cambio climático de Greenpeace.
Os ecoloxistas, na súa defensa dun modelo enerxético baseado en enerxías renovábeis e no aforro enerxético propóñenlle ao Concello que aposte por xerar postos de traballo aproveitando outras fontes de enerxía como son a solar e a eólica e animan aos veciños a rexeitar o almacén de lixo nuclear no seu territorio.