Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INVESTIMENTOS NECESARIOS NA REDE ESTATAL E NA AUTONÓMICA

Son necesarios 285 millóns de euros para corrixir as eivas das estradas galegas

Un total de catro criterios avalía o informe da Asociación Española da Estrada do que xa lles avanzamos datos hai poucas semanas: o firme das vías, a sinalización vertical, a horizontal e as barreiras metálicas. O estudo atopou que, a nivel estatal, a rede galega de estradas é unha das que maior investimento precisaría para corrixir o défice detectado, cando menos un total de 285.7 millóns de euros. Polo miúdo, as estradas que dependen do Estado precisan de 88.7 millóns de euros para a súa correcta conservación, e as que xestiona a Xunta de Galiza necesitarían cando menos 197 millóns.

- 06:29 03/08/2006
Tags:

Segundo a avaliación visual do firme das estradas promovida pola asociación, que preside Miguel María Muñoz, ex director xeral de Tráfico, a rede estatal de estradas en Galiza recibe 174 puntos, unha cualificación de "aceptábel", empeorando desde o último estudo, realizado en 2003, onde a media quedara en 153, e achegándose aos datos de 2001, cando se situaba en 187. No resto do Estado, o firme das estradas estatais de Andalucía oriental é o mellor, e o das catalás o peor. Economicamente, esa situación supón unha necesidade de investimento para a renovación da pavimentación das vías de 74 millóns de euros, como media 33.100 euros por km, por baixo da media estatal, de 44 mil euros/km e de feito unha das comunidades onde máis barato sería arranxar a situación atendendo a ese indicador, froito dun estudo que foi realizado no verán de 2005.

Por outro lado, como media, o estado do firme das estradas da rede autonómica é peor, con 211 puntos, sobre unha media de 190 no Estado, e cualificación de aceptábel, se ben se recolle unha mellora desde 2001, cando o índice estaba en 265, daquela só mellor que as estradas da Rioxa. Agora mesmo e ademais desa comunidade, é só mellor que as estradas madrileñas, manchegas e murcianas. Corrixir ese mal estado de conservación require a inxección de 183 millóns de euros, 35.690 euros por km, desta volta por riba da media estatal de 32.500, a sexta comunidade onde máis caro é acometer esas reformas.

No que lle toca á sinalización vertical, as estradas da rede estatal en Galiza son as que peor paradas saen de todo o Estado logo das de Cantabria e á beira das de Cataluña. Cunha nota do 3.5 segundo un criterio de reposición dos sinais nun prazo de 7 anos. O investimento necesario sería de 2.7 millóns de euros, o máis alto do Estado, exceptuando a Castela-A Mancha, onde se avalía a necesidade de 3.7 millóns. A consideración dese prazo de sete anos débese a que as empresas fabricantes das láminas retrorreflectantes destes sinais caduca ao cabo dese período de tempo e, xa que logo, aínda que durante o día non supoñen problema, pola noite non se garante a súa visibilidade.

No apartado da sinalización vertical é pola contra a situación significativamente mellor nas estradas da rede autonómica, cunha nota de 5.5, segundo o criterio de reposición de sinais aos 7 anos, por riba da media estatal de 4.6. Con todo, tamén sería necesario un investimento neste apartado de até 3 millóns de euros para corrixir a situación.

Respecto á sinalización horizontal, a situación é mellor, con nota de 5.9, á beira da media do 6.0, en canto á rede estatal e unha lixeira mellora nos últimos anos. Así e todo, son precisos 1.4 millóns para atender ás eivas detectadas, e o investimento para repintar as marcas que necesita Galiza só é máis pequeno que o de Castela-A Mancha e Cataluña.

Por último, a asociación indica que Galiza é a comunidade onde máis cartos cumprirían para atender á necesidade de mellora das barreiras metálicas, un total de 10.6 millóns de euros nas estradas dependentes do Estado e 6.3 millóns nas que xestiona a Xunta. Desde o colectivo advirten que a cuarta parte dos accidentes con vítimas prodúcense por saídas da vía e que nestes morre o 34% dos falecidos en accidentes de coche, ao tempo que avisan que no informe só se advirte dos treitos de barreira en mal estado e non dos lugares onde nin sequera existe e sería recomendábel despregala.


Ligazóns

0/5 (0 votos)