O anteproxecto de lei de extensión de dereitos aos afectados pola Guerra Civil e pola ditadura foi aprobado pero non deixou contento a ninguén. Organizacións como Amnistía Internacional cualifican de "decepcionante" este texto que, ao seu ver, non repara adecuadamente os represaliados polo réxime franquista. No caso das vítimas galegas, como Sánchez Bravo ou Humberto Baena, esta lei non os ampararía, xa que foron asasinados no 1975 e o texto non contempla a quen foi condenado a morte nese ano.
Nunha valoración feita por Amnistía Internacional de Galiza sobre o contido do Anteproxecto de lei aprobado o pasado día 28 no Consello de Ministros, o coñecido como Lei da memoria histórica; din que o seu contido é decepcionante, que se afasta das normas internacionais de dereitos humanos, que esquece a xustiza, e non repara adecuadamente as víctimas. Ademais, consideran que este texto non avanza de manera substancial na procura da verdade. Na opinión dun dos responsábeis da organización, Alberto Estévez, esta lei afastará a posibilidade de que a resolución se poida efectuar a través da vía xudicial, xeito que garantiría unha maior reparación do nome dos represaliados.
Se atendemos a estes dous galegos asasinados, Humberto Baena e José Luís Sánchez Bravo, pero tamén no dos demais que foron asasinados no 27 de setembro do 1975, e de manterse o texto da lei tal e como se aprobou, os seus nomes non verán anulada a culpabilidade á que foron condenados. Neste sentido, han ser as familias, segundo relatou Estévez, as que tiren deles para que a xustiza poida reparar o dano causado. No que respecta ao segundo dos represaliados, este traballo aínda non foi iniciado, xa que non se lle coñecen parentes.
Recomendacións de cambio
Entre as iniciativas que van pór en marcha desde Amnistía Internacional co obxectivo de modificar o máis posíbel o texto aprobado o pasado venres atópanse as recomendacións ao mesmo, que agardan sexan admitidas no debate desta lei que se realizará a finais de ano. Namentres, Estévez afirmou que manterán contacto cos representantes galegos nas Cortes para que teñan en conta as súas revindicacións, así como o diálogo coa Consellaría de Cultura durante o outono coa mesma finalidade.
No que se refiere ás decenas de miles de persoas "desaparecidas" ou vítimas de execucións extraxudiciais que aínda permanecen en foxos comúns, en moitas ocasións sen localizar, o anteproxecto "segue a liña decepcionante" da orde do ministerio da Presidencia do pasado decembro, que establecía subvencións a particulares para a exhumación dos restos, trasladando dese xeito ao ámbito privado a responsabilidade deo Estado de investigar os graves atentados contra o dereito internacional que se cometeron durante a guerra civil e o réxime franquista, afirman desde a organización.
Con relación aos arquivos, as medidas anunciadas, "poden supor algunha mellora para a conservación e localización da información dos arquivos da represión", aínda que, segundo relatan os membros de Amnistía Internacional, non parecen estar orientadas a facilitar o acceso a unha información vital para demostrar a condición de víctima e así poder acceder ás axudas arbitradas na lei, ademais da recompensa moral de ver cumprido o seu dereito a conoceren a verdade para as familias.
Quéixanse tamén de que o anteproxecto non aborda a anulación de condenas dictadas logo de xuicios inxustos e lembran que o dereito a un recurso ante graves violacións de dereitos humanos "é inderogable", especialmente cando se alega a violación do dereito á vida". Dicir que este anteproxecto foi proposto xa hai dous anos, aínda que se diluiu co paso do tempo e o resultado final non produciu se non críticas nos partidos que teñen representación no Congreso dos Deputados. No caso de Esquerda Unida, o seu secretario xeral, Gaspar Llamazares, asegurou que presentará alegacións, mentres que ERC afirmou que emendará a lei na súa totalidade. O PP tampouco apoiou o texto. Haberá que agardar.