A poeta ourensá Pura Vázquez morreu este martes na súa cidade natal aos 88 anos dunha doenza respiratoria que a tiña ingresada na clínica Santa Teresa dende había unha semana. As últimas tres décadas compartiunas coa súa irmá, a tamén poeta Dora Vázquez, de 93 anos, que a acompañará no enterro ás 5 desta tarde na igrexa de San Domingos. Representante da poesía de posguerra, Pura Vázquez apostou por unha saída lírica e existencialista fronte a liñas máis combativas, escribiu en galego e en castelán e cóntase as escritoras vencelladas á emigración, logo de vivir en Segovia, Toledo, Sevilla ou Madrid. Foi a primeira muller que comezou a publicar en galego nos xornais e revistas de Galiza e da emigración tras a Guerra Civil. O seu poemario Íntimas é o primeiro libro escrito en galego por unha muller na posguerra.
Ademais, destacan na súa traxectoria en galego os seus seguintes libros Maturidade (1955), A saudade e outros poemas (1963) ou O desacougo (1971). Comezou a escribir e publicar desde moi noviña, en revistas e prensa galegas, fundamentalmente ourensás. En 1944 a Deputación de Ourense publícalle o seu primeiro de poesía en castelá. Antes, en 1943, publicáranlle xa persoas particulares unha edición de 18 exemplares doutro libro tamén escrito en castelán, pero que incluía xa nove poemas en galego, o que para aquela data era algo insólito. En Galiza, e logo en Castela e en Venezuela, segue publicando poesía, alternando o galego co castelán. Posteriormente atravesou un intervalo de preto de nove anos sen escribir, por motivos familiares e de saúde.
Xa xubilada e voltada para a casa familiar das Mercedes, en Ourense, publicou en 1990 e 1991 unha antoloxía poética en castelán e outra en galego, onde recolleu parte da obra fora editando en todos os seus anos anteriores. A partir dese momento, seguiu publicando poesía, fundamentalmente en galego.
A máis nova das irmás Vázquez era académica correspondente da Real Academia Galega dende 1949, e fóronlle outorgados ademais os premios Trasalba e o das Letras e das Artes de Galicia. O pasado ano a Asociación de Escritores en Lingua Galega entregoulle a letra "E" nunha homenaxe de toda a intelectualidade galega. A mesma que acudirá a despedila esta tarde na igrexa de San Domingos en Ourense. O seu corpo descansará no panteón familiar do cemiterio municipal de San Francisco.