Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ÚLTIMOS DATOS DO PADRÓN DE HABITANTES

Lenta chegada da inmigración

O 2.6% dos cidadáns son en Galiza inmigrantes, moi por baixo dunha media estatal que acada o 8.7% e ademais, atendendo aos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, o INE, a diferenza do resto do Estado, a maioría da inmigración galega vén da veciña Portugal. A chegada de inmigrantes compensa así o baixo índice de natalidade, deixando o aumento total en apenas un 0.07% respecto ás cifras do ano anterior. A provincia de Pontevedra lidera o crecemento da poboación, mentres Lugo e Ourense seguen despoboándose.

- 09:57 26/07/2006
Tags:

Hai un ano en Galiza vivían xa 69.373 inmigrantes, rexistrados no padrón de habitantes, número que segundo as novas cifras do INE se incrementou un 3.5%, até as 71.796 persoas, o 2.6% do total actual de 2.764.250 persoas, apenas dous milleiros máis que no ano anterior. Mentres, no resto do Estado nove de cada dez veciños son inmigrantes, porcentaxe que acada o seu máximo nas Illas Baleares, onde chegaron de fóra o 15.6% do total dos rexitrados no padrón de habitantes. A nivel estatal, só Estremadura ten menor concentración de inmigrantes ca Galiza.

Mirando polo miúdo os datos, vemos que se ben no conxunto do Estado son Marrocos, Ecuador e Romanía os lugares de onde proceden a maioría de extranxeiros censados, 1.3 millóns entre os tres países, en Galiza os inmigrantes censados son na súa maioría portugueses (13.188), seguidos dos chegados de Colombia (7.762), Brasil (6.247), Arxentina (5.936), Uruguai (3.900), Venezuela (3.678), e Marrocos (3.652).

No total de poboación e neste período, só as provincias de Pontevedra e A Coruña gañaron poboación no último ano, con 3.661 e 857 veciños máis en cada un dos casos, mentres que Lugo perdía 1.457 habitantes e Ourense 1.050. O total do Estado quedou ao rematar 2005 en 44.6 millóns de persoas, perdendo Galiza peso demográfico no total, baixando do 6.26% ao 6.22%.


Ligazóns

0/5 (0 votos)