Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DISCURSOS E DEFINICIÓNS DE PAÍS

As formacións políticas aproveitan o 25 de xullo para marcar posicións no debate estatutario

A xeito de competición polo grao de compromiso co país que afirman ter cada unha das formacións, debullaron os seus discursos os principais líderes políticos galegos este 25 de xullo, onde a reforma estatutaria en curso foi protagonista dos desafíos. En clave estatal falaba Emilio Pérez Touriño na súa intervención na ofrenda do Apóstolo, e facía na mesma xornada unha intervención radiofónica onde dubidaba da posibilidade do acordo co PP ao fío do Estatuto. Tamén desde o PSdeG, Ricardo Varela reivindicou desde Rianxo a "posición central" dos socialistas na que segundo el deben confluír nacionalistas e populares, aos que lles pediu non "patrimonializar" a reforma. Mentres, Anxo Quintana falaba a prol dun "Estatuto de nación" e desafiaba desde Santiago aos líderes das outras formacións a preguntarlles aos seus votantes "igual que eu vos pregunto a vós: estades dispostos a admitir un Estatuto que estea un milímetro por baixo do catalán ou do vasco?". Desde o PPdeG aproveitaban a cita do 25 de xullo para criticar o que definen de "división e competencia interna" entre os socios do bipartito.

- 07:22 26/07/2006
Tags:

"A reivindicación das identidades históricas, culturais e nacionais, hoxe ameazadas polos ventos uniformizadores da globalización, é perfectamente compatíbel coa defensa dos valores e principios que consagran a igualdade básica da condición humana", argumentou Emilio Pérez Touriño durante a súa intervención como delegado rexio na cerimonia eclesiástica celebrada na Catedral de Santiago con motivo do Día do Apóstolo. O presidente da Xunta evocou tamén o espírito do "pacto social e político de 1978" que deu orixe á Constitución, referíndose ao que cualificou como "un dos períodos máis benéficos da nosa historia común".

En clave diferente falaría máis tarde, ao presidir en San Domingos de Bonaval o acto de entrega da Medalla de Ouro de Galiza á Real Academia Galega, onde Touriño explicou que "se a Academia foi capaz de poñer de acordo a profesores, escritores, lingüistas e filólogos arredor da normativa, mal será que os partidos políticos galegos non sexamos capaces de poñérmonos de acordo sobre a reforma do Estatuto".

Varela dille a PP e BNG que non "patrimonialicen" a reforma
"O PSdeG nunca lle deu as costas a Galiza e fronte ás palabras doutros nís amosamos con feitos que estivemos nos momentos onde o país nos necesitou", afirmou Ricardo Varela, secretario de Organización do PSdeG, durante a súa intervención no tradicional acto do partido en Rianxo, "e en moitas ocasións estivemos en solitario nesa tarefa e iso hai que dicilo así", subliñou. "Fixemos sempre un exercicio de xenerosidade, acordando e renunciando para conseguirmos o período máis fecundo que deu ese nexo Constitución e Estatuto", espuxo Varela.

O representante dos socialistas neste acto, que en anos anteriores protagonizaba o propio Emilio Pérez Touriño, incluíu a censura a PP e BNG, insinuando que queren "torpedear ou patrimonializar" o proceso de reforma do Estatuto, advertíndolles que iso "supón traizoar o país". Segundo Ricardo Varela, neste escenario, a posición dos socialistas galegos "representa o punto de confluencia" diante do "esforzo de xenerosidade que terán que realizar as outras dúas forzas políticas para asegurar a aprobación do novo Estatuto". "Se algún pretende rendabilizar o proceso como plataforma política, equivócase", dixo Varela, "e ninguén ten un maior compromiso con Galiza que nós".

Milleiros de persoas no acto do BNG a prol dun Estatuto de "nación"
"Tedes a miña palabra e Galiza ten a do BNG. Para iso estamos aquí hoxe todos nós. Para que esa historia triste, resignada e derrotada de Galiza non se repita. Para escribir unha nova páxina e poidamos contar que fumos quen de facer entre todos o país novo que merecen os nosos fillos". Así se dirixía Anxo Quintana, voceiro nacional do BNG, no peche da súa intervención na praza da compostelá da Quintana. O vicepresidente da Xunta, insistira na súa intervención na importancia da definición de Galiza como nación: "Somos nación por dereito e só sendo nación podemos aspirar a unha financiación propria que garanta o noso dereito a decidir. Xa nolo ensinou Bóveda hai moitos anos e levalo agora á práctica é a mellor homenaxe que lle podemos facer no 70 aniversario do seu asasinato".

Ao fío do debate estatutario, Quintana lembroulle especialmente aos populares que "se queren falar en serio de financiación, falemos en serio do que significa unha financiación xusta para Galiza: autorresponsabilizarnos do noso futuro, crer nas nosas posibilidades e non fiar a nosa existencia a unha solidariedade estatal de matute". "O PP ten que decidir o que quere para Galiza e Feijoo decidir o que quere ser de maior. Ou facerlle caso aos cidadáns galegos que queren un Estatuto de primeira ou facerlle caso a ese trío Calatrava de estrema dereita que dirixe o PP en Madrid".

Análise do PPdeG: división "prexudicial" para Galiza
"A cidadanía non admite comportamentos sectarios como os protagonizados onte e hoxe polos socios do bipartito e amósase convencido de que acabará pasando factura polo sucedido". Así o opinan desde o PPdeG, que aínda sen celebrar acto ningún, aproveitaron para mandarlle un comunicado aos medios analizando os actos de socialistas e nacionalistas durante este 24 e 25 de xullo. Reflexionan os populares que o distanciamento que os socios do goberno galego amosaron nestes días é exemplo da propia "división e a competencia interna" que se rexistra na actividade habitual do executivo.

Nesa liña critican que "o presidente da Xunta non despacha cos conselleiros do BNG" e que "a coordinación ou mesmo o intercambio da información necesaria para a desenvolver a acción de goberno é practicamente inexistente entre os dous socios do bipartito".

As queixas dos populares galegos inclúen tamén a denuncia por non teren sido convidados "polas autoridades civís" ao acto de Ofrenda ao Apóstolo celebrado este martes na catedral compostelá, aínda que o propio presidente do partido, Alberte Núñez Feijoo, e o vicepresidente, Xosé Manuel Barreiro, si asistiron ao acto relixioso celebrado, convidados polo arcebispado. Ao tempo, cualifican de "castigo aos socios nacionalistas" a organización do acto bautizado A Véspera que o presidente da Xunta convocou este luns na súa residencia oficial e ao que tampouco convidou a ningún representante do PPdeG. Opinan que con esa actitude "Monte Pío perdeu así a súa condición de sede institucional para converterse no escenario dun acto partidista para maior gloria de Touriño".


Ligazóns

0/5 (0 votos)