Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XOSÉ NEIRA VILAS REPRESENTOU O BRINDE QUE REALIZOU HAI 50 ANOS

A Xunta conmemora os aniversarios do Congreso da Emigración Galega e do Banquete de Conxo

As secretarías xerais de Emigración e Comunicación conmemoraron este luns, 24 de xullo, o 50 aniversario do Congreso da Emigración Galega, e os 150 anos transcorridos desde o Banquete de Conxo. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, participou no acto e asegurou que a emigración xogará un papel activo dentro de Galicia. "Nunca poderemos pagar a débeda que temos coa emigración galega", afirmou o presidente, que avogou por recoñecer esa débeda garantindo os dereitos e os deberes aos galegos do exterior". Tamén asistiron persoeiros que participaron no congreso xa hai 50 anos como Neira Vilas, Mariví Villaverde ou Anisia Miranda.

- 17:00 24/07/2006
Tags:

Este luns celebrouse un acto conmemorativo dos aniversarios do I Congreso da Emigración Galega e do Banquete de Conxo. Organizado pola Secretaría Xeral de Emigración, o acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño; o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado; e o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez. O escritor Xosé Neira Vilas, acompañado de dous actores, representou no transcurso do acto, o mesmo brinde que realizara no Pazo de Galicia do Centro Lucense o 18 de xullo de 1956 durante a evocación do banquete de Conxo.

O acto tivo lugar no Museo do Pobo Galego e asistiron persoas que participaron entre o 24 e o 31 de xullo de 1956 no Congreso da Emigración, como Mariví Villaverde, Anisia Miranda ou o mesmo Xosé Neira Vilas. O evento conmemorativo incluíu a difusión dun documento audiovisual que recuperou imaxes e sons de 1956 e testemuñas protagonistas naquel momento. Para a data tamén se editou un libro-dvd que, coa vocación de converterse en documento de referencia, inclúe textos, imaxes e vídeos capaces de fixar a importancia histórica do Banquete de Conxo e do Congreso da Emigración Galega.

Touriño: "A emigración xogará un papel activo dentro de Galiza"
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asistiu ao acto conmemorativo no que avogou polo exercicio da memoria histórica porque "o silencia imposto noutras épocas non pode ter continuidade hoxe no abandono e a indiferenza". Segundo o presidente do executivo, "nunca poderemos pagar a débeda que temos coa emigración galega" e apostou por "recoñecer esa débeda garantindo os dereitos e os deberes aos galegos no exterior". Touriño tamén sinalou que a emigración xogará un papel activo dentro de

"Non aspiramos, con este acto, a saldar débedas que sabemos que nunca estaremos en condicións de cancelar, pero agora que estamos en disposición de restituír feridas históricas, debemos propiciar, aínda que sexa con moitos anos de retraso, pequenos actos de xustiza que poñan fin a décadas de esquecementos, frustración e tamén dor". Deste xeito defendeu o presidente da Xunta o exercicio da memoria histórica porque, segundo explicou, "o silencio imposto noutras épocas non pode ter continuidade hoxe no abandono e a indiferenza".

O Banquete de Conxo
A carballeira do Mosteiro de Conxo foi o escenario o 2 de marzo de 1856 dun banquete de confraternidade e afirmación civil organizado por un grupo de estudantes universitarios, entre os que se contaban Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Lois Rodríguez Seoane, ou Víctor Salustio Alvarado. Foi un acto político e literario de compromiso cívico e afirmación democrática reflectida nunha histórica convocatoria que uniu a estudantes e obreiros, no que derivou nun acto de exaltación da dignidade galega e da dignidade do traballador.

Congreso da Emigración Galega
Cen anos despois do Banquete de Conxo, Boas Aires acollía o I Congreso da Emigración Galega. Celebrouse para conmemorar o acontecemento político e literario do Banquete de Conxo, pero tamén para abordar por primeira vez o estudo sistemático do fenómeno da emigración galega. O congreso foi unha iniciativa do Consello de Galiza e dos conselleiros Ramón Suárez Picallo, Antón Alonso Ríos, Elpidio Villaverde e Emilio González López.

Anteriores en Vieiros:

0/5 (0 votos)