Antonio Pérez Casas, asesor para a Sociedade da Información do conselleiro de Innovación e Industria, reuniuse en representación da Xunta de Galiza con representantes do Proxecto Trasno. Esta agrupación dedícase á traducción de software libre ao galego, e está inmersa en diferentes proxectos, entre eles, a traducción de KDE, o controno de traballo de Linux.
A xuntanza entre a Xunta e o Proxecto Trasno tiña como obxectivo intercambiar ideas sobre a implantación e desenvolvemento do software libre en Galiza.
O goberno galego vén de investir 120.000 euros nunha localización de Open Office en galego a través de Mancomún, outra das entidades (esta creada pola Xunta de Galiza) que traballan na galeguización do software libre. Un prezo demasiado caro con todo o traballo que queda por diante, de aí o interese por agrupacións voluntaristas como o Proxecto Trasno. O colectivo está interesado, por falta de recuros humanos e económicos, na colaboración coas institucións.
O Proxecto Trasno leva en activo desde o ano 2000 traballando de maneira voluntarista na traducción de GNOME, KDE, GNU, Debian... Desde a súa web chaman á colaboración de máis traductores, debido aos devanditos déficits de man de obra e de cartos.