Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXENDA DE LECER

Días da Memoria, da Patria... e de dornas

Lembrar a represión en San Simón collendo barcas en Cesantes e facendo o mesmo e triste percorrido que facían os que eran presos na illa, gozar das festas do Apóstolo (ou da Patria) en Compostela, xoubiñas en Rianxo, dornas en Ribeira, humor no Fórum Metropolitano da Coruña, títeres en Compostela, rock en Quiroga... E por se non nos chega todo o que temos por Galiza, aínda podemos atravesar o Miño e gozar do XXXV Festival Vilar de Mouros: 35 anos, 35 bandas e 35 €, unha oportunidade que non podemos deixar escapar. Pero iso si, o 25 a celebrar o Día da Patria! Cadaquén como queira, que opcións hai moitas. Ímolas ver.

- 13:33 21/07/2006
Tags:

Esta fin de semana xa podemos cruzar a fronteira e achegármonos a Vilar de Mouros: o Festival luso de rock fai 35 anos, e celébrao xeneroso, con 35 bandas e por 35 €. Iggy & The Stooges (volve a Iguana!), Sepultura, Tricky, Cradle Of Filth, Moonspell, Soulfly, Mosh, Hundred Reasons, Xutos & Pontapés, Deluxe, Banda de Poi, Kussondulola, Mojave 3, The Vicious Five, Taxi, The Datsuns, M.A.U., Dead Combo, Durruti Column, Soundsista', 7 magníficos, Mofyah Sound System, In Guetto Sound System, Youth Culture, Sativa, Quarteto João Guimarães, Led On, Cinemuerte, Twentyinchburial, The temple, Rock is not dead e Phil Case integran o impresionante cartel desta trixésimo quinta edición. Ademais haberá filmes, posibilidade de se mergullar ou practicar escalada e rappel, pintar camisolas, clases de ioga... Como xa dicían as Amarguinhas, "En Caminha hai unha festa, non podo faltar a esta!"

E máis festa para os que queden "na casa": As Pontes siguen que non paran, e este domingo celébrase o Nabiza Rock na fraga ás 22:30, con Ogmios, AK47, Fundación Tony Manero, Dr. Funkestein e Pal Keli. O luns han cambiar radicalmente de estilo, con Berrogüetto, Muzarega e La Bouttine Souriante. E xa no Día da Patria, CII Romaría da Fraga (máis dun século coa mesma festa!) Logo da misa na Capela do Carme e da imprescindíbel cadea sesión vermú- xantar- sobremesa- bailas amenizada pola charanga "Os ponteses" e a Orquestra América... Lume! Lamatumbá estará na fraga ás 21:00. E despois, máis Orquestra...

Imos á outra punta: Quiroga celebra o I Pistomusic, o venres cos monfortinos Degeneración del 27, NUS, dende Escairón, os astures Kilometrozero, e Nao, medio local e medio compostelán. E o sábado, Bukowski Blues Trío, dende O Barco de Valdeorras, os valisoletanos Chloe, os coruñeses Mistakens e o son africano de Bate Sons. Ademais, haberá un concurso de djembés. O premio é ben tentador: unha cesta con produtos de Quiroga!

Día da Patria... e da festa
De feito, esta fin de semana dura até o 25, Día de Santiago Apóstolo pero tamén, e sobre todo, Día da Patria. Compostela non só acolle as festas patronais, senón que tamén gozaremos dun Festigal máis vivo ca nunca no Campus Sur. O 24 e 25 teremos galería do audiovisual, das ciencias, das ideas, das letras, de artesanía, de software libre, de animación para cativos... Ademais de acampada, café concerto con jazz, unha achega deste ano, e, sobre todo, concertazos: o power pop de The Homens, o rock "comercial" de Ruxe Ruxe, as voces do Raval en 08001, Dj Floro e a enerxía de Manimal o luns. A naturalidade do Espido de Guadi Galego e Guillermo Fernández, as boas vibracións de Mercado Negro e a tradición vasca da man de Kepa Junkera, o martes. Para non faltar!

Compostela non deixa de ferver en actividade estes días: o venres comeza o Compostela Festival, que subirá ao escenario da Quintana o folc deLuar na Lubre e a mestizaxe de Bumba. O sábado poderemos ver o novo espectáculo de Joaquín Cortés, Mi soledad, e o domingo do rock-samba do brasileiro Marcelo D2. Xa despois dos fogos do 24, Amparanoia, e para pechar, o guineano Papa Ikot, o 25 no Toural. A Quintana vai estar ocupada polo espectáculo co que se celebra o centenario de Estrella Galicia, tan venerada por todos os festeiros: "A viaxe do son" (Budiño, Uxía, Leilía, Buika, La Negra, Jerry González...) dá comezo ás 23:00.

No Toural teremos tamén ao Soweto Gospel Choir o sábado, e aos irmáns italianos Anonima Nuvolari o luns (que por certo están tamén o sábado na Praza Maior do Barco de Valdeorras), despois de Amparanoia. Ademais, carpa na Alameda para bailar cumbias e merengues, orquestras, campionato de chave, festa do escalo en Chaián o domingo (ánimo, que son doados de pescar, e saben...), e moito máis.

Ademais do Festigal e o Apóstolo, a noite do 24 temos a XII Rondalha da Mocidade, de AMI: ás 20:00, os ourensáns Greska na Porta do Camiño, e ás 21:00, en Cervantes, Nao, Skacha, Skarnio, Presencia Zero e a Banda Potenkim, e por outra banda, o de BRIGA: Banda Bassotti, Ofensiva, Opcio K-95 e Kastomä.

E días da memoria
Por estas datas é imposíbel non lembrar o acontecido hai 70 anos. Neste ano da memoria están a ter lugar diferentes conmemoracións, eunha delas será esta fin de semana no que foi o maior presidio galego: a Illa de San Simón acolle a Homenaxe Nacional ás Vítimas da Represión que organiza a Consellaría de Cultura e Deporte. Sairán barcos dende Cesantes todo o día, e poderemos ver unha exposición comisariada por Antonio Caeiro, ou escoitar a Paulina Ceremuzynska, coas súas cantigas medievais, o contrabaixo de Carlos Méndez, Uxía, Mini, Mero e Mariña, a Banda Musical do Concello de Visantoña e o Grupo Tradicional do IGAEM. Non ha faltar a danza, coas compañías viguesas Pisando Ovos (David Loira e Rut Balbís) e Aquí? Agora? (Alfredo Rodriguez, Olga Cameselle, Andrea Costas e Gustavo Hevia), en torno ás 17:00.

Música dunha punta a outra
Antes de marcharen para As Pontes, Lamatumbá estarán este sábado en Ribadavia. Ese mesmo día, na sala DZine de San Sadurniño, chegan dende Lausanne, en Suíza (pero con fondas raíces no Morrazo) Xurxo Adrián e os Cenk, co seu celtic punk ska. Agora que volven a terriña, non han parar. Xa antes deste concerto pasarán o venres polo pub Gatos de Melide.

E Gustavo Almeida continúa, da man do programa "As nosas músicas", de xira por Galiza. O sábado ás 23:00 ha estar en Monte da Chan, en Agudelo (Barro). Rosa Cedrón estará na Alameda de Gondomar, en pleno festival folc, co espectáculo Entre dous mares o venres. Ao día seguinte estarán Xochilmica, e o mesmo sábado en Redondela convivirán o tango arxentino e milongas sentimentais de Marco González, no multiusos da Xunqueira, e o folc: na praia de Arealonga están Ardentía e os Carunchos.

Ese mesmo sábado estará Berrogüetto en Porto do Son. E seguindo co folc, o domingo han estar Dani Bellón e Diego Maceiras en Cabana de Bergantiños.

Continúan en Vigo os concertos para celebrar o centenario do Real Club Náutico: Joaquín Sabina estará este venres no peirao de transatlánticos a partir das 23:00, nun novo concerto da súa xira Carretera y top manta. A entrada custa 30 € e pódese obter a través de Caixanova. Outro mito do pop español: Ana Torroja estará en Castrelos o sábado ás 23:00, por 8 € ou 6 coa entrada anticipada. Máis concertazos: Ziggy Marley (si, o fillo maior de Rita e Bob) estará en Castrelos o martes 25, no "Para Vigo me voy".

E jazz no Forum Metropolitano da Coruña con Kike Perdomo Quartet o venres e Chiqui Pérez o sábado. Os dous concertos son ás 22:30 e a entrada custa 9 €.

E continúa o Festival Via Stellae, en Compostela coas Variacións Goldberg, de Bach, interpretadas polo clave de Cèline Frisch. Será este sábado no Salón Teatro, ás 21:00, por 6 €. O martes, día do Apóstolo, é a quenda do compostelán Manuel Vilas, que tocará a arpa de dúas ordes en San Miguel dos Agros a partir das 20:30. A entrada é libre. Tamén ha estar o venres na igrexa parroquial de Melide ás 21:00, xunto coa mezzo Marta Infante.

Vindo polo Camiño Inglés pararemos en Betanzos, cuxo Liceo acolle, este venres, a Camerata Quiodi cun repertorio mozartiano de serenatas e divertimentos, a partir das 21:00. Polo Norte, parando no Auditorio Municipal de Ribadeo (tamén o venres ás 21:00) atoparemos ao Cuarteto Klavier con máis Mozart. Desta volta, música de cámara. E o domingo, na Igrexa de San Xoán de Langostelle, en Guitiriz, tiorba e guitarra barroca a partir das 21:00. O día anterior estarán na Igrexa de San Xoán de Portomarín ás 20:30, e o 25, na igrexa de Santiago en Allariz (xa na Vía da Prata).

E no auténtico final do Camiño, seguindo cara Fisterra, Isabel Rei Sanmartín ofrecerá un concerto de guitarra na Casa da Cultura de Ameixenda (Cee), o venres ás 21:00

Títeres e cinema
O espazo para a lectura de Caja Madrid en Compostela acolle unha preciosa exposición con títeres de todas as épocas e procedenzas. Inaugúrase este venres ás 19:00, coa actuación de Seisdedos, Dueto de corda.

O mellor humor está esta fin de semana no Teatro Rosalía de Castro da Coruña: o venres ás 21:00, último pase de La curva de la felicidad, con actores como Pablo Carbonell falando dos homes despois dos 40... É ás 22:30 e o prezo das entradas vai dos 8 aos 16 €. Mesma hora e mesmo prezo có espectáculo do luns 24: os mellores gags de Monty Phyton.

En canto ás proxeccións de cinema, teremos Zona libre de Amos Gitai o luns ás 23:00, na Praza da Estrela viguesa, e ao día seguinte, o precioso filme colectivo sobre a infancia No mundo a cada intre, no mesmo lugar e á mesma hora.

"Aleghría" no Barbanza
A LVIII Sinjladura da Festa da Dorna en Ribeira propón "ghuateques" e "reghatas" para mollarse e "ghosar" da festa como é debido, ademais de concertos como os da Compañía do Ruído, Kinky Beat ou Galegoz. E na outra punta da ría, Rianxo celebra o Día da Patria con xoubiñas e cachelos e pementos de Herbón. e a ría de arriba, Noia engalánase para celebrar unha festa medieval na que non han faltar artesanía e espectáculos.


0/5 (0 votos)