Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PODERÍA TER RELACIÓN COA SABOTAXE DE CACHEIRAS

Unha bomba caseira provoca danos materiais nunha construtora de Sigüeiro

A sede da empresa construtora Puentes y Calzadas, S.L. sufriu cuantiosos danos materiais logo de que esta madrugada estourase un artefacto caseiro nas súas instalacións, destruíndo a metade das oficinas. Así o confirmaba o alcalde de Oroso, quen falou dun "presunto atentado", insistindo en que o artefacto foi colocado "a propósito", aínda que non lle consta que a empresa recibise ameazas. Ao longo da mañá especialistas en desactivación de explosivos da Garda Civil acudiron ao lugar dos feitos para determinar as causas da explosión. Porén, as axencias de información xa sinalan que segundo fontes da investigación o explosivo caseiro é o mesmo que usan habitualmente grupos independentistas, e que este suceso podería estar relacionado co que se produciu hai case un mes nas obras da autovía Santiago-Cacheiras, no concello coruñés de Teo. Unha das pistas é que a empresa Puentes e Calzadas é unha das subcontratadas da devandita obra.

- 12:58 20/07/2006
Tags:

Esta hipótese tamén a considera o presidente de la Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen sinalou na roda de prensa posterior ao Consello da Xunta que este artefacto "cadra con outras explosións previas e sitúase nas vésperas do 25 de xullo", aínda que non dixo máis porque "creo que non é bo, pola miña parte, facer ningunha hipótese nin apreciación adicional".

Touriño púxose en contacto coa Delegación do Goberno, que lle transmitiu unha "mensaxe de control e de tranquilidade á cal me sumo".

Condena do BNG e do PPdeG
O Bloque Nacionalista Galego apurou a "condenar con toda firmeza o atentado" de Sigüeiro "por constituír unha nova mostra dunha violencia irracional que repugna a calquera conciencia humana". Para o BNG "o atentado é especialmente irracional por se producir nas vésperas do Día da Patria Galega 06, a festa cívica de todos os galegos e galegas de boa vontade que pretenden construír unha Galiza pacifista, libre e dona de si".

"Xusto nun momento en que un conflito longamente enquistado como o basco se endereita cara a súa solución por vías pacíficas, democráticas e negociadas, semella especialmente demencial o recurso á violencia nun país, o galego, que sempre repudiou calquer violación dos dereitos humanos máis elementares, a comezar polo dereito á vida e a integridade física", conclúe o comunicado enviado polo BNG.

Pola súa banda o Partido Popular de Galicia tamén quixo condenar o atentado reiterando "que ningunha expresión de forza ten cabida nun sistema democrático", ao tempo que anima á sociedade galega "a non deixarse impresionar por este tipo de sucesos". Asemade indican que o presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, contactou este mediodía cos responsables da empresa Puentes y Calzadas para expresarlles a súa solidariedade e apoio.


5/5 (1 votos)