De dous milleiros de entrevistas, 500 por cada unha das provincias, saen os datos empregados pola secretaría xeral de Análise e Proxección para o estudo bautizado "Clima social de Galiza" que o executivo ten intención de publicar cada tres meses. Desde o PpdeG cargaron contra o proxecto cualificándoo de "autoenquisa da Xunta para máis gloria de Touriño", ao tempo que advertían de "numerosas eivas técnicas que lle restan credibilidade" e pedían que "non se malversen fondos públicos". Desde o BNG facían dobre análise, e dunha banda indicaban que a sondaxe "amosa o crecemento do nacionalismo neste primeiro ano de goberno" e por outra parte criticaban que o informe "obedece a criterios partidistas do PSOE" insinuando que tería "o obxectivo de condicionar á baixa o debate en curso sobre o novo Estatuto".
Xa que logo, as críticas do BNG apuntan directamente ao debate estatutario aberto, advertindo que o ton e contido dalgunhas das cuestións faría estas preguntas "claramente capciosas". Nese sentido, o coordenador da executiva nacionalistas, Francisco Jorquera, afirmou que "máis ben parecen dirixidas a confundir á opinión pública e a condicionar o debate estatutario en curso".
"Pregúntase sobre que é Galiza e colócanse como termos alternativos conceptos que non o son", laiouse, "Galiza é nación desde o punto de vista sociopolítico, mais tamén é comunidade autónoma desde o punto de vista da legalidade administrativa e non deixa de ser unha rexión desde un punto de vista xeográfico. País é un concepto que moita xente identifica como sinónimo de nación", engade Jorquera. Refírese o voceiro do Bloque ao apartado onde a enquisa pregunta pola definición de Galiza, e que segundo os resultados presentados un 58.6% escolle a opción "comunidades autónoma", diante dun 13.2% que prefire "rexión" e un 10.5% que opta por "nación".
De paso, Jorquera quéixase de que non aparezan "cuestións que interpelen á cidadanía sobre que papel debe xogar Galiza no actual debate territorial no Estado". "Por que non se lle pregunta aos cidadáns se queren para Galiza o mesmo estatus institucional que teñen Euscadi e Cataluña? Por que non se pregunta se debemos aspirar a ter o máximo grao de autonomía fiscal propia ou se deben incluírse cláusulas que contemplen a liquidación da débeda histórica", propón, acusando aos responsábeis da análise de facer "un traballo á medidado discurso político dunha parte do goberno e, especificamente, do seu presidente".
Os populares falan de "malversación"
"O executivo autonómico dispón de ata tres departamentos diferentes dedicados á elaboración de enquisas: a Secretaría Xeral de Análise e Proxección, dependente do presidente; a Secretaría Xeral de Relacións Institucionais, adscrita á Vicepresidencia; e a Escola Galega de Administración Pública, dependente da consellaría da Presidencia", recordaba o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, ao fío desta enquisa, pedindo que "os inxentes recursos económicos destinados pola Xunta á elaboración de estudos de opinión" sexan investidos "noutras áreas que presentan carencias, como a sanidade, a educación ou os servizos sociais".
Rueda deulle a noraboa "ao PSOE" por "seren capaces de fabricar un estudo de opinión a medida das apetencias e necesidades de afianzamento da autoridade do presidente da Xunta, xusto 24 horas despois de que o PPdeG fixese público o balance dun ano do bipartito".