Hai catro anos que vén diminuíndo o número de persoas que marcharan traballar fóra e que deciden volver a Galiza e se deica agora a maioría de emigrantes volvían do continente americano, en 2005 os retornados desde países europeos superaron por primeira vez aos que volveron desde América. Así, o ano pasado recibimos de volta 6.779 persoas, das que 3.818 viñan de Europa e 2.843 da outra beira do Atlántico. Nese treito, Suíza foi o lugar de onde máis emigrantes viñeron, até 2.092, seguida de Venezuela, 948. O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, apuntou que a progresiva recuperación de Arxentina e Uruguai despois da crise económica explicarían a diminución dos chegados desde aquela zona. Nos últimos cinco anos Galiza acumula 48.063 retornados.