As praias de Carnota volven ser escenario dun verquido. Desta volta, a catástrofe ecolóxica produciuse o pasado fin de semana cando unha emisión de substancias contaminantes chegou á zona de Carrofeito, moi próxima a Boca de Río supostamente desde a conserveira Dani. Debido a este derrame nocivo, numerosos exemplares de anélidos, bivalvos, crustáceos, anguías e outras especies apareceron mortas na superficie afectada, tanto na area como na auga.
A probábel orixe do foco contaminante, segundo a organización ecoloxista Verdegaia, atópase nunha conserveira ubicada en Lamas de Castelo, e asegura, ademais, que os verquidos chegan á praia a través da canle do río Pedrafigueira. Os veciños afirman que non é esta a primeira vez que acontece tal cousa, se ben, nesta ocasión os efectos son meirandes ao coincidir a emisión nociva cunha marea morta na que o movemento da auga é tan escaso que apenas se renova. Debido a esta situación, un alto número de especies viron minguada a súa poboación, como foi o caso dos anélidos, bivalvos, crustáceos ou anguías, xa que numerosos exeplares apareceron mortos na area e na auga.
Desde Verdegaia lembran que o espazo afectado polo verquido se atopa incluído no LIC Costa da Morte da rede Natura 2000 e foi declarado no 2004 como Zona de Especial Protección dos valores Naturais. Debido ao alto valor ecolóxico desta zona de Carnota, os ecoloxistas instan ao Goberno a que cumpra coa lexislación ambiental. Neste sentido, chaman á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a Augas de Galiza "para depurar as reponsabilidades e sancionar ás empresas ou persoas responsábeis dos verquidos".
No que respecta ás autoridades locais, o alcalde de Carnota, Xosé Manuel García, afirmou que "lle consta" que o pasado venres, axentes do (Servizo de Protección da Natureza) Seprona con base no cuartel da Garda Civil de Noia abriron un expediente sancionador á conserveira suposta causante do verquido. A día de hoxe o asunto atópase en mans do Seprona e descoñécese a área total que foi afectada, aínda que si se pode constatar, segundo afirmaron desde Verdegaia, que o treito que une o río Pedrafigueira co mar foi o que levou a peor parte.