Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Travesía pola Memoria do Mar

A dorna reclinada nun leito de verdello,
os homes reclinados para sempre na dorna
entraron no pastoso equilibrio das augas
(X. L. Méndez Ferrín 1967)


Despois do golpe militar do 18 de xullo do 1936 produciuse unha forte represión entre a xente do mar de Galicia. Na II República aumentara considerablemente o sindicalismo de clase en todo o litoral, e a gran maioría dos homes e mulleres que daquela traballaban en actividades relacionadas co mar afiliáranse a sindicatos anarquistas da potente "Federación Regional de Industria Pesquera", integrada na CNT.

- 09:48 10/07/2006
Tags:

Neses anos a loita social no mundo do mar protagonizárona, sobre todo, as tripulacións dos vapores da altura da Coruña, Marín e Vigo e as motoras da baixura de Cangas e Moaña, que reivindicaban melloras nas condicións de traballo e de embarque. Na pesca da baixura houbo paros sonados, como o de xuño de 1936, con toda a frota da sardiña desde Muros á Guarda amarrada 16 días, porque o prezo dese peixe estaba polo chan. Tamén houbo folgas nas conserveiras e diversos conflitos protagonizados pola xente que traballaba coas redes en terra e pola que cargaba carbón para os barcos, moitas veces mulleres, como ocorría no porto de Cariño.

No último número de Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial Dionísio Pereira dá conta de brutais episodios sanguentos ocorridos tras o golpe militar de 1936. En outubro deste ano na Enseada da Bombardeira, preto de Baiona, foron asasinados nove homes, a maioría mariñeiros de Panxón e Baiona, en vinganza pola morte dun falanxista. Este feito seguiu vivo entre os veciños, que durante moitos anos, día tras día, gravaban na terra nove cruces na mesma curva -a Volta dos Nove- onde caeran os corpos sen vida.

Estarrecedor foi o asasinato, na luzada do 23 de abril do 1937, de nove homes -dous deles curmáns de Castelao- e unha muller, que se ocultaran no bou Eva atracado na ribeira do Berbés, en Vigo, despois de levaren meses escapados. Rafael Dieste contou que "os feixistas asolagaron a bodega do bou. Primeiro con auga fría. Despois con auga fervente. Os acosados non saían... Ouvíronse uns disparos...". Moitos outros non foron asasinados; pero despois de estaren en San Simón e en diversas cadeas, cando algúns quixeron volver traballar no mar, negábanselles os papeis para facelo.

Para visualizar a represión fascista no noso litoral e homenaxear a xente do mar, unha Exposición itinerante percorrerá 18 portos galegos este verán. Organízaa a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e conta coa colaboración de asociacións da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), de diversos Pósitos e de organismos relacionados co mar e coa recuperación da memoria histórica. Os paneis explicativos irán todos na adega do vapor Hidria II, un vello alxibe do porto de Vigo recuperado para o turismo náutico, que se vai converter no "Barco da Memoria", en lembranza do Upa Mendi, o barco con presos vascos (e galegos) fondeado en 1938 na ría de Vigo, cando a illa de San Simón estaba sobordada.

O comezo desa Travesía pola Memoria do Mar farase en Cambados, o 17 de xullo, día en que se rehabilitará a figura de Antonio Chaves del Río, que fora Presidente da Xunta Directiva do Pósito de Pescadores desa vila do mar da Arousa -o primeiro Pósito creado en todo o litoral español, en 1917-, asasinado nos primeiros días do golpe militar. A seguir o "Barco da Memoria" atracará en Moaña, Baiona, Marín, O Grove, A Illa da Arousa, Rianxo, Cabo de Cruz, Ribeira, Portosín, Muros, A Coruña, Mugardos, Ferrol, Cangas, Raxó, Vigo e, finalmente, en Vilagarcía, a comezos de setembro.

Entre as actividades máis salientables desta Travesía está unha homenaxe ós mártires do mar cun roteiro o 26 de agosto pola ría de Vigo, no que o Hidria II e diversos tipos de embarcacións se achegarán ós lugares onde os fascistas fondeaban sindicalistas do Morrazo, despois de os asasinaren. E tamén se achegarán ás augas de San Simón, "a illa da morte de amor máis fermosa do mundo" en palabras de Angueira.

Nestes momentos en que se pide desterrar das rúas e das fachadas das igrexas os símbolos do franquismo, sería desexable que a Xunta cambiase o nome Confraría de Pescadores por outro máis acaído, que podería ser Pósito de Mariñeiros e Mariscadoras, porque mariñeiro é o termo xeral e non marcado, e pescador é o mariñeiro que pesca con liña, mesmo un non mariñeiro; porque as mariscadoras hoxe son un colectivo importante en moitos Pósitos, e nalgún é unha muller a que está á súa fronte; e porque o termo Confraría lembra o carácter confesional que o franquismo impuxo nos Pósitos, rebautizados en 1944 como Cofradías e obrigados a adscribirse a unha parroquia e a ter como festas oficiais a da Virxe do Carme e a do Patrón ou Patroa parroquial.

Unha forma tan mariñeira como Pósito é un cultismo, que en galego entrou polo castelán; pero é voz tan popular na beiramar que o franquismo non logrou desterrala, como non o conseguiu co Entroido, que rebautizara como "Fiestas de la Primavera". É certo que os Pósitos (de Pescadores) se institucionalizaron nos anos 20 na ditabranda de Primo de Rivera; pero aínda así, o termo Pósito non ten as connotacións en boa parte relixiosas da Cofradía franquista nin da Confraría da xeira autonómica.

Nos días previos ó 70 aniversario do golpe de 1936 sirvan estas liñas para contribuír a honrar a memoria dos homes e mulleres do litoral galego que nos ilusionantes anos da II República ousaron soñar unha vida no mar (e en terra) algo menos escrava. Moita desa xente pagou coa súa vida a arela de dignidade e liberdade.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: