"Foi un traballo elaborado en positivo e pensando no ben de Galiza, do nacionalismo e do BNG". Así o insistía en subliñar no inicio do acto Xosé Chorén Vázquez, membro do Consello Nacional do Bloque, na presentación ao público este sábado do documento "Polo reforzamento do BNG: unha alternativa política". Amada Traba, profesora da Universidade de Vigo e membro tamén do Consello Nacional, tomou a palabra a continuación para debullar un texto que parte da consideración de que a formación precisa de contribucións que axuden a superar unha situación de "estancamento e crise", revisando estrutura interna e propostas políticas para relanzar o discurso e ampliar militancia. Na práctica, e logo dunha asemblea a celebrar en setembro, esta corrente podería dar nun proxecto concreto a presentar diante da asemblea que o BNG celebrará a finais de ano.
"O noso obxectivo é reforzar o BNG, nun momento moi importante logo de asumirmos responsabilidades de goberno, e facelo nun escenario que consideramos de estancamento e crise política, onde se necesita dunha análise profunda e dunha apertura á sociedade que permita que este proxecto sexa partillado por un amplo número de persoas", explicou Amada Traba no inicio da súa intervención. Nese desafío, os promotores deste documento chaman a renovar "moitos aspectos programáticos e organizativos"
Un proxecto que en palabras de Traba reivindica "a pluralidade e o exercicio da democracia" e que se abre a todas as achegas que queiran facerse para debater e matizar, que foi peneira da reflexión xa realizada a nivel comarcal entre aqueles que deica agora tiveran acceso ao documento e que terá un novo punto de inflexión en setembro, cunha asemblea de onde debera saír un novo texto e a decisión definitiva sobre a posíbel presentación dun proxecto concreto cara a próxima Asemblea Nacional do BNG, explicitada ademais nunha lista alternativa para o Consello.
A crítica á actual situación do BNG parte do punto de inflexión de 2001, que os promotores deste documento consideran data clave onde logo dun primeiro freo no avance electoral dos anos anteriores debera abrirse "unha vía de reflexión rigorosa sobre o logrado" como froito da estratexia mantida até ese momento. Xa que logo, láianse de que iso non se fixese e que mesmo se puxese en causa "a candidatura que acababa de revalidar o carácter do BNG como segunda forza política", actuación que na súa opinión "contribuíu a estragar, de maneira suicida, o traballo do grupo parlamentar na lexislatura". "Quíxose evitar que se debatera sobre posicións políticas e formas organizativas que consolidaban a crise e impedían avanzar na autodeterminación", puntualizan. Nese sentido, os promotores desta "alternativa" indican que de agora en diante o relanzamento do BNG pasa por recuperar o tempo perdido e estimular "o debate que faltou durante estes cinco anos".
Como proposta diante dese escenario que debuxan, subliñan varios eixos e, en primeiro lugar, a definición "dunha teoría renovada sobre a sociedade galega e o seu contorno", chamando a partir de que a sociedade galega ten unha estrutura social interna e uns intereses "ben diferentes aos de hai décadas". Doutra beira, piden que a procura da maioría política non implique "a asunción de posicións de carácter conservador".
Ademais, reparan especialmente na estrutura interna do BNG, da que opinan que debe mudar para adaptar os seus obxectivos estratéxicos "ás circunstancias deste tempo e desta sociedade". Con esa fin, afirman que "os partidos e correntes non poderían traballar no seu seo de maneira oculta, sen se confrontaren perante a militancia con propostas e programas alternativos, nin utilizar a súa forza organizativa simplemente para ocuparen posicións de poder para vetaren decisións ou para actuaren externamente como organizacións aparte e con obxectivos contraditorios aos do BNG".
Acompañaron a Amada Traba, como representantes públicos desta corrente de reflexión interna: Xosé Chorén Vázquez, membro do Consello Nacional; Dores Sánchez Recouso, militante do BNG en Mesía; Roberto Quiroga López, responsábel comarcal do Bloque en Valdeorras; Manuel Monge, concelleiro do BNG na Coruña; Charo Fernández Bello, militante de Ordes; Mercedes Rodríguez Bolaño, concelleira na Coruña; e Manuela Fonte, militante do BNG en Ferrol. Entre o público que encheu o auditorio do Hotel Porta do Camiño de Santiago, houbo representación de Esquerda Nacionalista e do que foi Unidade Galega, entre eles quen fora seu líder, Camilo Nogueira.