O Bloque Nacionalista Galego votou en contra das adxudicacións das televisións dixitais de cobertura local no Consello da Xunta que se celebrou onte. Segundo puido saber Vieiros, tanto o vicepresidente como os conselleiros nacionalistas manifestaron o seu desacordo en que a maior parte das adxudicacións fosen parar a mans dos grupos Prisa e Prensa Ibérica, deixando fóra a empresas do país, así como no xeito en que se levou o asunto ao Consello executivo, sen que houbera un consenso previo das dúas forzas políticas. De momento o BNG evita pronunciarse sobre o tema, aínda que é patente o malestar que hai ante a situación mediática que queda no país, conquistada polos grandes grupos foráneos. O acordo do goberno bipartito tampouco queda en moi bo lugar, xa que no texto aludíase expresamente ao "incremento da porcentaxe horaria de emisión en lingua galega, de produción propia e de produción galega en todas as concesións de radio e de TV".
Esta podería ser a razón pola que os membros do BNG no Executivo rexeitaron a resolución do concuso público, que se aprobou só cos votos do PSdeG. Ademais tampouco lles sentaría ben a forma en que se executou a adxudicación, pois ao parecer nin sequera figuraba na orde do día inicial do Consello. Polo momento non existe confirmación oficial deste punto nin do resultado das votacións, xa que as actas do Consello da Xunta son secretas. A lista co resto de candidaturas presentadas ao concurso público tampouco lle puido ser facilitada a Vieiros por parte da Secretaría Xeral de Comunicación.
Pero sábese que quedaron fóra empresas locais que levaban máis de dez anos emitindo, como é o caso de Telecoruña, Televigo, As Mariñas Televisión ou TV7, e outras de creación máis recente como TV Barbanza ou Código TV. Joaquín Barreiro, voceiro da Asociación Galega de Televisións Locais (Asgatel), manifestoulle a Vieiros o descontento polo resultado do concurso e polo procedemento mesmo, que segundo a asociación se debería facer mediante autorización administrativa e non concesión, "para que as licenzas non dependan da decisión dun goberno ou doutro". En canto ao resultado, para Barreiro as concesións deberían defender as emisoras galegas: "Este proceso ten a súa orixe no intento de regular un sector que xa existía", por iso non ve lóxica a exclusión de emisoras de demostrada traxectoria no tecido da televisión local do país. "Non se trataba de sacar unhas para poñer outras", di. Algunhas emisoras como Televigo xa declararon a súa intención de interpoñer un recurso contra esta concesión.
A entrada dos grandes grupos estatais na televisión local
O Grupo Prisa, editor do diario El País e a Cadena Ser, creou a marca Localia para dar o salto ás televisións locais, nun momento onde o executivo do PP lle pechaba o paso ao mapa das canles analóxicas de ámbito estatal. Nese escenario, Localia veu emitindo cunha ampla porcentaxe da súa programación en rede común para todas as súas estacións a nivel estatal, con desconexións para o local fundamentalmente en informativos de serán e noite, e posteriormente afondando máis na creación doutros programas no ámbito próximo. No seu accionariado participa ademais de Prisa, tamén o grupo Fingalicia, vencellado ao Banco Pastor, cunha pequena porcentaxe.
O paso de Canal Plus a aberto en forma de nova concesión analóxica, que na práctica deu no proxecto de Cuatro Televisión, apuntou cara a redefinición de Localia. Con todo, xa antes Localia mudara a súa estratexia, estruturando as emisoras televisivas locais arredor de iniciativas empresariais onde se buscaba o acceso de investidores vencellados aos contornos concretos onde se buscaba licenza. Dese xeito, en Galiza por exemplo, viñan funcionando canles de Localia nas principais cidades desde hai anos.
O modelo xeralista de Localia permítelle así ás súas canles compartir unha ampla oferta de contidos comúns e mesmo acceder a través do seu vencello ao xigante mediático hispano a produtos que teoricamente quedarían máis lonxe das emisoras locais, caso das longametraxes e series das grandes produtoras internacionais.
Pola súa banda, o grupo Editorial Prensa Ibérica, antes coñecido como Grupo Moll, creou no seu momento a empresa Prensa Ibérica Media, que vén realizando a xestión integral dos proxectos televisivos locais que o grupo xa acadou noutras comunidades. Co mesmo obxetivo crearon tamén a empresa Recursos en la Red, co obxectivo de darlle soporte tecnolóxico e deseñar e promover aplicacións interactivas e produtos para as novas canles de tv do grupo.
Os tirapuxas políticos viñeron ofrecendo paradoxais situacións no reparto de teles dixitais realizado noutras comunidades. Así por exemplo, destaca o caso de Madrid, onde Localia fora especialmente ambiciosa na extensión da súa rede, emitindo xa varias canles con cadro de traballadores estábel, e onde o goberno popular de Esperanza Aguirre non lle concedeu nin unha soa licenza no concurso dixital. Do mesmo concursos foi tamén excluído o grupo Prensa Ibérica.
No gume do legal
Con campaña na actualidade a través da súa rede de televisións para que os televidentes sintonicen no número 8 dos seus mandos a distancia e aparatos de TV, Localia asume a súa vontade de proxecto con orientación "xeneralista", aínda que na actualidade xa non emite informativos a nivel estatal, e accede a unha audiencia potencial de varios millóns de persoas.
Co escenario da televisión dixital en proceso de definición en todo o Estado, esa potencial audiencia é xustamente un problema para os grandes grupos mediáticos. Xa que logo, a lexislación establece que a suma de poboación das demarcacións onde emita cada operadora non pode pasar do 20% do total da poboación estatal. Considerando o último censo, iso supón un límite para calquera grupo de comunicación de 8.6 millóns de espectadores potenciais, ben entendido que non se fala de audiencia real, senón estritamente de suma de poboación nas demarcacións. No momento de realizarse ese cambio lexislativo, Localia subliñaba o seu acceso potencial a unha audiencia de trece millóns de cidadáns. Do mesmo xeito, a Editorial Prensa Ibérica, poñíase como meta chegar a un públio potencial de dez millóns de televidentes. Independentemente do que sume no resto do Estado, no caso de Galiza, Localia achegaríase xa a un público de preto de dous millóns de espectadores, malia que o acceso ás licenzas da marca empresarial prodúcese a través doutras empresas, como Radio Coruña, Utega SA e CompostelaVisión.
Prisa e Prensa Ibérica reforzan o seu protagonismo mediático en Galiza
Lembrámoslles que as licenzas concedidas en Galiza sitúan en posición de privilexio no mapa televisivo a estes dous grupos de comunicación, Prisa e Prensa Ibérica, accedendo ás principais cidades e os seus contornos metropolitanos. Prisa xa contaba cunha extensa rede de emisoras radiofónicas, coa Cadena Ser en todas as cidades e diversas comarcas e con varios proxectos de radiofórmula funcionando tamén no noso país: 40 Principales, Cadena Dial e M80. Alén diso, prepara o acceso á prensa diaria cunha edición para Galiza de El País, que previsibelmente estará en funcionamento antes de que remate o ano.
Polo seu lado, Editorial Prensa Ibérica ten as súas referencias no Faro de Vigo, líder no sur de Galiza e con edicións en Ourense, Pontevedra, e nas comarcas de Arousa, O Morrazo e o Deza. Tamén cara a este mesmo ano, proxecta lanzar un diario con vocación de rabuñar cota no resto do país e que sairá á rúa co cabeceiro "Faro de Galicia".
Recurtándolle voz a Galiza: o precedente das licenzas radiofónicas
Os cambaleos do mapa radiofónico galego son exemplo a lembrar ao fío desta nova concesión de licenzas. Deica 1998, o mapa incluía 66 emisoras privadas e 55 delas eran de grupos de comunicación de fóra de Galiza, coa única excepción das 11 emisoras do Grupo Voz. Nesa altura, o goberno de Manuel Fraga facía unha nova e polémica concesión de licenzas que afondaba no problema: a Cadena COPE era a principal beneficiaria con 11 novas frecuencias, Onda Cero levaba dúas, e a Cadena Ser outras dúas e cadansúa tamén para Grupo Moll e El Mundo. A cota galega quedaba nas nove asinadas para o Grupo Voz. Poden ampliar no artigo de Tempos Novos "Galicia sen voz: Madrid impón os contidos na radio"
Medios con Galiza como punto de referencia
O Colexio de Xornalistas insistira no seu momento en que a concesión das novas licenzas debera ter como finalidade o reforzamento do "espazo galego de comunicación". Xosé Manuel Vega, decano do Colexio, agarda que a presencia dos grupos empresariais coa súa base total ou parcial instalada en Galiza pode axudar a responder a esa necesidade social, de forma que "os medios estean ao servizo do país", e non sexan simple instrumento para intereses empresariais chegados de fóra de Galiza. Así e todo, Vega advirte que falta por ver como se concreta na práctica ese compromiso coa atención real ás necesidades da comunicación local galega. Nese sentido, subliña que será importante por exemplo ver cal é o compromiso que asumen en favor do uso da lingua galega. "Hai que ser capaces de ver os feitos que acontecen no país desde unha visión galega á vez inserida nun contorno internacional". De feito específico, avisa sobre a necesidade de garantir que os xornalistas que desenvolvan a súa profesión nos novos medios "teñan unhas condicións laborais dignas", lembrando ao respecto que os niveis de precariedade laboral acostuman ser moi elevados nos medios de nova creación.