Presentáranse 87 ofertas para 21 demarcacións territoriais, desde un máximo de 11 propostas para Santiago até o outro estremo no caso das Pontes, onde o concurso quedou deserto, e a Xunta aprobou un total de 46 licenzas. Localia, que concursaba a través de diversas empresas, terá emisión nas sete principais cidades, e destaca tamén o acceso ás cidades do grupo do Faro de Vigo. Varias emisoras locais que funcionaban de xeito estábel en analóxico deberán pechar emisión ao non recibiren licenza.
Explicou o presidente da Xunta este xoves á saída do Consello que en 13 das 21 demarcacións establecidas houbera tres ou máis ofertas, desde o estremo das once presentadas para Compostela á ausencia de propostas para a demarcación da comarca do Eume. Con todo As Pontes non quedará sen emisora dixital, xa que a norma establecera que dos catro programas de televisión local posíbeis, tres serían de titularidade privada e un de titulariedade pública, e neste caso concreto, As Pontes xa conta con tv pública local emitindo en analóxico desde hai tempo.
Relatou Touriño que as decisións tomáronse logo de recibir o informe solicitado polo goberno de PSdeG e BNG á mesa de contratación, para valorar sobre os dous anteriores xa elaborados para o anterior executivo, e subliñou que se decidira prorrogar o prazo e non iniciar de novo todo o proceso, atendendo a tres criterios: "non prexudicarlle ás empresas que xa presentaran as súas ofertas en forma e regra, non reabrir a competencia de forma distorsionada, e garantir o interese público no despregue das tvs".
O presidente rexeitou valorar o novo mapa dixital local, onde a primeira vista, destaca o acceso ás sete principais cidades das emisións de Localia, pertencente ao grupo Prisa, que xa viña emitindo en analóxico. Localia recibiu concesión na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo a través da empresa Unión Temporal de Televisións Galegas, Utega, mentres que en Ferrol terá presencia a través de Radio Coruña SL e en Santiago vía Compostelavisión SL.
Do accionariado de Utega, con maioría da Cadena Ser e o Grupo Prisa, viña formando parte tamén a editorial Prensa Ibérica, coa terceira parte do accionariado. Porén, o propio grupo, editor dos xornais Faro de Vigo e La Opinión, recibiu concesión para tv dixital a través da sociedade unipersonal Faro de Vigo e de La Opinión SL na Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo e outorgóuselle tamén na comarca de Carballo. Nesta mesma comarca poderá emitir o proxecto da Editorial Capital, editora dos xornais EL Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, Diario de Arousa e Diario de Ferrol, e que recibiu licenza de tv dixital en cada unha desas áreas de actuación. Outro grupo de comunicación relevante, o Grupo Correo, accedeu a través da Editorial Compostela ás licenzas de Santiago, Vimianzo, Ribeira e Lalín.
Lembrámoslles que os grupos editores destes xornais optaran tamén ás licenzas de tv dixitais de ámbito autonómico, conseguidas finalmente polo Grupo Voz e a COPE, nunha decisión tomada polo goberno de Manuel Fraga xa en funcións, polémica ademais por privilexiar á cadea dos bispos, diante desa iniciativa conxunta da prensa galega á beira da produtora Filmax, que argumentaba ter un proxecto máis axustado aos requerimentos obxectivos do concurso. Está por ver, á vista do novo mapa, se estes grupos aproveitan aquel proxecto conxunto para establecer agora algún tipo de colaboración entre eles, combinando programación conxunta de ámbito autonómico con desconexións locais. Entre as paradoxais situacións creadas por esta concesión das tvs dixitais locais está a situación dalgunhas canles que xa emitían en analóxico e máis ou menos estabilizadas nos seus contornos locais, caso na comarca de Ferrolterra de Ferrol Televisión, ou de Código TV na área compostelá.
A LISTA COMPLETA:
A Coruña
-Carballo: La Opinión de La Coruña, S.L., Editorial La Capital, S.L. e Salitre
Multimedia.
-Coruña: La Opinión de La Coruña S.L., Editorial La Capital S.L. e Utega S.A.
-Ferrol: La Opinión de La Coruña S.L., Editorial La Capital S.L. e Radio Coruña S.L.
-Ribeira: Editorial Compostela S.A., Multimedia Comunicaciones e TV
Mancomunidade do Salnés.
-Santiago: Faro de Vigo, S.A.U., Compostelavisión S.L. e Editorial Compostela S.A.
-Vimianzo: Editorial Compostela S.A.
-As Pontes: declarada deserta.
Lugo
-Chantada: Chantada Comunicación S.L.
-Lugo: Telelugo El Progreso de Lugo S.L., Utega S.A. e Alternativas de Medios
Audiovisuales.
-Monforte: Telelugo El Progreso de Lugo S.L., Telemiño S.A. e TV7 Monforte S.A.
-Vilalba: Telelugo El Progreso de Lugo S.L. e TV7 Monforte S.A.
-Viveiro: Telelugo El Progreso de Lugo S.L.
Ourense
-O Barco de Valdeorras:Telemiño S.A.
-Carballiño: Telemiño S.A.
-Ourense: Telemiño S.A., Faro de Vigo S.A. e Utega S.A.
-Verín: Telemiño S.A.
Pontevedra
-Lalín: Editorial Compostela S.A., Multimedia Comunicaciones e Deza Visión S.A.
-Ponteareas: Rías Baixas de Produción e Josefa López Pousa.
-Pontevedra: Faro de Vigo S.A.U., Lérez Canal 29, S.L. e Televisión Pontevedra.
-Vigo: Faro de Vigo S.A.U., Utega S.A. e Rías Baixas de Produción.
-Vilagarcía de Arousa: Lérez Canal 29 S.L., TV Salnés e Editorial La Capital S.L.